Escolares de Sabarís exploran Monte Boi e achéganse á Baiona mariñeira

O alumnado-traballador da especialidade de “Promoción turística local e información ao visitante” do Obradoiro de Emprego Valmiemprega II, promovido polos concellos de Baiona, Gondomar e Nigrán, realizaron hoxe unha a actividade cos escolares do CEP Sabarís de Baiona.

Realizáronse dous itinerarios, os rapaces de 1º e 2º fixeron «Explorando Monte Boi», comezando na Praia da Concheira e comprobando por eles mesmos as conchiñas que forman a súa área. Seguidamente fixeron unha parada na Praia dos Frades e observaron a porta da fortaleza que leva o mesmo nome. A seguinte parada foi aos pés da Torre do Príncipe, dende onde se observa unha fermosa panorámica das Illas Estelas e das Cíes. Seguidamente coñeceron as características da baía, da doca, a Torre da Tenaza, para finalizar a ruta correndo e desfrutando na Praia da Barbeira observando o Monte Real Club de Yates e o porto pesqueiro.

Os cursos de 3º e 4º fixeron a «Ruta Mariñeira», comezando no Paseo Pinzón aos pés do Rompeolas, onde se lles dou a benvida e coñeceron algo da historia de Baiona como o antigo Balneario da Concheira e outros feitos históricos. Seguiu a ruta polo monumento Encontro entre dous Mundos, e unha breve explicación da Fortaleza de Monterreal e o Parque da Palma. A seguinte parada foi na Ribeira, diante do Azulexo da Arribada, como antesala da seguinte visita que foi o museo da Carabela Pinta. O último punto da visita, como non podía ser doutro xeito, foi no porto pesqueiro, onde tiveron a oportunidade de ver aos mariñeiros, quen lles amosaron algunhas capturas do día e breves explicacións da súa tarefa.

Finalizou a xornada con xogos no Parque da Palma, onde os rapaces desfrutaron dun merecido descanso. O profesorado valorou moi positivamente esta actividade, que complementou ás actividades realizadas con anterioridade no centro escolar.