Sin categoría

O BNG dará “a batalla” para que se poña en marcha o Transporte Metropolitano

O BNG levará a “batalla” pola posta en marcha do Transporte Metropolitano de Vigo aos concellos e o Parlamento galego. Así o anunciou o deputado do BNG, Luís Bará, que compareceu en rolda de prensa acompañado pola alcaldesa de Moaña, Leticia Santos, o responsable local do BNG de Vigo, Serafín Otero, e dirixentes municipais da fronte nacionalista na área metropolitana, entre eles os do Val Miñor, Xose M. Marcote de Baiona, Xavier Rodríguez de Nigrán e Manuela Rodríguez Pumar de Gondomar.

O Bloque denuncia que o enfrontamento “partidista e localista” entre Xunta e Concello de Vigo ten convertido en “refén” a toda a veciñanza da área metropolitana, “privándoa dun servizo esencial como é o transporte metropolitano”. A falla de entendemento entre ambas as dúas administracións tería convertido en “papel mollado” o convenio subscrito o 30 de xuño de 2016, que os nacionalistas urxen aplicar.

Con esa intención presentarán mocións nos plenos municipais dos concellos afectados nas que se demandan a Xunta e Concello de Vigo a aplicar o referido convenio, así como a convocatoria urxente dunha Comisión de Seguimento do mesmo.

En opinión do deputado do BNG no Parlamento galego, “o goberno municipal de Vigo e a Xunta de Galicia son igualmente responsables” desta situación de bloqueo que ocasiona “importantes prexuízos para o conxunto da veciñanza”. Bará levará, novamente, esta cuestión á cámara lexislativa galega a través de interpelacións e dunha proposición non de lei na que se insta á Xunta “a executar o convenio asinado en materia de transporte metropolitano, a través dun acordo co Concello de Vigo a respecto do financiamento, que deberá garantir as mesmas tarifas para todas as persoas usuarias, con independencia do seu lugar de procedencia”.

A fronte nacionalista reclama que as discrepancias que poidan existir sobre a aplicación do convenio, e singularmente, os transbordos dentro do transporte urbano da cidade olívica, se resolvan a través do “diálogo e cooperación”. No entanto, o BNG entende que esa cuestión non pode ser óbice para impedir a incorporación efectiva de Vigo no transporte metropolitano, toda vez nos restantes aspectos existe un claro acordo.

2018-04-02 - 2018032617564750743