Omar Rodríguez, convocado coa selección nacional júnior de Loitas Olímpicas

FOTO: FGL // Santiago, Rafael, Omar e Carlos na concentración internacional.

Catro deportistas galegos participan do 26 ao 31 de marzo na concentración internacional de Torredelcampo (Xaén) tras ser convocados pola selección española júnior de Loitas Olímpicas. Un deles é o baionés Omar Rodríguez, do Club de Loita Sabarís, en júnior 74 kg, que acode tras proclamarse en febreiro campión galego e o pasado 10 de marzo campión de España no Palacio Municipal dos Deportes de Xixón.

Xunto a el desprazáronse ata terras andaluzas Santiago Sánchez (Club de Loita Keltoi de Vila de Cruces) en cadete 80 kg; Rafael Álvarez (Club San Ignacio de Vigo) en júnior 70 kg; e Carlos Yobani García (Club de Loitas Olímpicas de Vilalba) en 65 kg.

Os adestramentos terán lugar no Pavillón Municipal de Torredelcampo, sede do Club de Loita Power de Andalucía, un club pioneiro en España polos grandes resultados dos seus deportistas nas categorías escolar e cadete, sobre todo de Loita Feminina. Esta aposta polo deporte base e a irrupción da muller no alto rendemento nas categorías previas ás absolutas, fan desta entidade un modelo a seguir.

Os próximos retos para os deportistas júnior serán o Torneo Internacional da Nucia (Alacante) e o Europeo de Roma (Italia).

Anuncios