Anuncios
Ticker de novas

Condenan a Povisa por diagnosticar por erro VIH e hepatite a un veciño de Nigrán

O Xulgado Contencioso-administrativo número 1 de Vigo condenou ao Hospital Povisa a indemnizar con 60.000 euros por dano moral a un home veciño de Nigrán que foi diagnosticado por erro como portador do VIH e hepatite, situación que se prolongou durante quince anos.

O 16 de febreiro do 2000, cando tiña 32 anos de idade, acudiu ao Hospital Povisa de Vigo, ao ser este o seu centro de referencia en virtude do convenio SERGAS-POVISA, xa que presentaba unha ferida na perna dereita tras unha caída accidental na vía pública. No informe de alta do Servizo de Traumatoloxía e Cirurxía Ortopédica de Povisa, do día seguinte, no apartado de “Outros diagnósticos”, escribiuse: “VIH. VHB. VHC. ADVP”. Nos informes médicos posteriores que constan na historia clínica do paciente continúan recolléndose tales diagnósticos como antecedentes.

No informe do Servizo de Microbioloxía da Xerencia de Xestión Integrada de Pontevedra e O Salnés (ao que estaba adscrito polo seu internamento na Lama), datado o 30 de setembro de 2015, exprésase que os datos que aparecen rexistrados no Sistema Informático de Laboratorios, en resposta ás solicitudes realizadas en diferentes anos entre 2005 e 2015, constatan o resultado negativo das análises de HVB, VIH, VHC e Hepatites B con relación a este paciente.

Na resolución administrativa recaída no expediente recoñécese explicitamente que existiu un claro erro de diagnóstico, mantido durante quince anos, polo que queda acreditada a antixuricidade do dano, así como o nexo causal entre este e a actuación sanitaria. A Consellería de Sanidade cifrou a indemnización de danos e prexuízos en 19.172,54 euros, asimilando a situación producida á dunha incapacidade permanente parcial, residenciando a obrigación de resarcir no centro concertado, POVISA.

O afectado considera que os danos morais derivados dese erro -sexa tachado de diagnóstico ou de transcrición- había de valorarse en 400.000 euros, xa que tras serlle comunicado á súa familia, “a súa vida persoal, social e laboral desmoronouse, quebrándose todo o seu proxecto vital”. A súa esposa separouse, foi privado da relación coa súa filla polo temor da nai a que lle puidese “contaxiar”, sumiuse nunha “forte depresión”, con varios intentos de suicidio, e recaeu no consumo de estupefacientes, que, “unido ao que el cría unha curta esperanza de vida, fixo que comezase unha espiral delituosa pola que entrou en prisión en 2002”.

Afirma o maxistrado que “se trata dun caso particular de exclusión social, caracterizado por dificultade na continuidade laboral, ausencia ou insuficiencia de apoios familiares ou comunitarios, marxinación social e, desde logo, falta de sensibilización da poboación en xeral fronte á problemática relacionada co VIH ou a hepatite asociada ao virus”.

Ante esta situación, estima en parte o recurso interposto fronte ao Sergas e a Povisa, figurando como interesada unha aseguradora, e anula parcialmente a resolución administrativa, de forma que condena a Povisa a pagarlle unha indemnización que ascende a 60.000 euros. Contra a resolución cabe recurso de apelación.

Anuncios