El PP denuncia que el estado del bombeo de A Torre en Chaín provoca el vertido de fecales al río

FOTO: PP GONDOMAR // Tubaxe de desaugue da fosa vertendo directamente ao río.

A presidenta do Partido Popular de Gondomar, Paula Bouzós, quere denunciar o estado no que se atopa a estación de bombeo do saneamento que hai no barrio de A Torre en Chaín, o que fai que todo o que baixa polas tubaxes remate directamente no río, provocando a contaminación do mesmo. Estas augas sucias e contaminadas pasan polo centro da vila e van parar á Foz do Miñor sen ningún tratamento.

Nunha visita que fixo recentemente a dita estación de bombeo, acompañada por veciños da zona, puido comprobar in situ como pola tubaxe de desaugue da fosa saía «de todo».

«Os veciños están cansos de ter que aguantar as molestias e os cheiros que ocasiona o mal funcionamento da estación de bombeo, que se agravan coa chegada do bo tempo e as altas temperaturas. É por iso que me chamaron para que viñera a comprobalo eu mesma, e o denunciara publicamente, xa que o goberno municipal non atende as moitas peticións que os veciños lle levan feito para solucionar o problema», afirma Paula Bouzós. «Os veciños nos din que a estación leva máis dun ano avariada sen que ninguén faga nada por arranxala».

Paula Bouzós recorda que hai cinco anos que se fixo unha actuación importante na estación, cun investimento de case 40.000 euros. En ditas obras se substituíron as bombas por unhas de maior caudal e mais eficientes, ademais tamén se aproveitou para realizar o cambio do cadro de mandos das mesmas, así como o cestón de recollida de sólidos e as guías de colocación das bombas. Agora o goberno municipal vén de anunciar que vai executar unha actuación cun orzamento de 50.000 euros para dotar dun sistema eléctrico de protección das bombas, un sistema de protección antivandalismo e a mellora da ventilación das casetas existentes de tres estacións de bombeo. “Pero isto non vai solucionar para nada os problemas que seguen sufrindo os veciños da Torre, xa que o problema en si é a propia estación de bombeo”.

Tamén recorda que no ano 2013 o que agora é concelleiro de Medio Ambiente, Antonio Araújo, que daquela estaba na oposición, denunciaba nos medios de comunicación que a solución era expropiar os terreos para evitar o bombeo nesa zona, e que por mor da incapacidade política do goberno municipal anterior (daquela de Carlos Silva), non foi quen de expropiar. «Antonio Araújo tamén ten parte de responsabilidade neste senso, xa que el é o concelleiro de Medio Ambiente. Si tan fácil é a solución, porque non a afrontou nos case tres anos que leva no goberno?», lle pregunta Paula Bouzós.

Pero esta non é a única queixa dos veciños deste barrio da parroquia de Chaín. Paula Bouzós puido escoitar como se laiaban do esquecemento absoluto ao que están condenados pola desidia do goberno municipal en atender as demandas dos habitantes deste barrio.

Engade ademais a presidenta do PP de Gondomar, que a carón da estación de bombeo hai unha ponte que cruza o río, a cal carece de varandas que eviten a posible caída ao río de calquera viandante. «Nunha ocasión un cativo que vive na zona caeu ó río coa bicicleta, e por sorte non lle pasou nada». Tamén están á espera da prometida marquesiña que o alcalde se comprometeu a colocar neste barrio para que os cativos que van ao colexio se poidan resgardar das choivas. Outras das súas reivindicacións que fan é a sinalización do acceso á Torre dende a estrada provincial e a través do barrio de Toucido, evitando ter que dar un rodeo de varios quilómetros. «Cando chamas a unha ambulancia, vai ata a Verdella e despois baixa ata aquí, tardando moito tempo, cando non se perde claro», era o que dicía algún veciño.

«Isto é unha demostración máis do abandono no que o goberno de Paco Ferreira ten sumido as parroquias do concello. Non lle importan para nada», di Paula Bouzós.

A presidenta do PP de Gondomar pídelle ó alcalde ante todo que garanta a seguridade das persoas coa colocación dunhas varandas na ponte que cruza o río. Unha vez feito isto, lle suxire que afronte o problema da contaminación medioambiental que está a provocar a vertedura de fecais directamente ao río e lle dea unha solución definitiva, así como as outras necesidades dos habitantes deste barrio.

Anuncios