O PP de Nigrán sobre a perda da subvención da Xunta: “A culpa sempre é de outro”

FOTO: CONCELLO DE NIGRÁN // Rúa Ponte Muíña.

“Lle pese a quen lle pese”, declara o alcalde de Nigrán, Juan González, cando leva á Xunta de Galicia aos Tribunais con motivo da retirada da subvención provista para o acceso a Porto do Molle, as rúas Ponte Muíñas e Gándara. O Partido Popular asegura que “é hora de que os veciños de Nigrán estean ao tanto do que ocorre no Concello, porque o de non asumir responsabilidades e botarlle a culpa a outros está moi visto”.

Segundo os populares, a Xunta de Galicia cumpre coa legalidade e coa normativa vixente. “O Concello de Nigrán xa se beneficiou dunha ampliación do prazo de xustificación e non era posible unha prórroga xa que impediría a execución de todas as actuacións dentro da anualidade orzamentaria, tal e como marca a Lei, ao ser Fondos Europeos”.

O PP de Nigrán resalta que “a Xunta esgotou as opcións posibles para o Concello fose beneficiario da subvención, o problema é que o Concello de Nigrán non se preocupou, non fixo nada, brazos cruzados e adiante, non adoptou as opcións que aproveitaron outros Concellos, que xustificaron a construción de máis da metade, que permitiría recibir ese mesma porcentaxe de subvención, xa que está ligada á porcentaxe de execución da obra”. Neste caso, continúan os populares, “para máis inri, segundo o que explicou o alcalde só faltaba o pintado do firme, polo que seguramente se podería xustificar preto do 90%, así o Concello recibiría ese mesma porcentaxe da subvención”.

“É claro que nos pesa Sr. Juan, pésanos a todos que malgastemos o diñeiro público nos Tribunais coa única expectativa de perder o litixio. Xa perdemos a opción de investir este gasto noutros faceres, perdemos a subvención e aínda para máis adoecemos a relación coa Xunta de Galicia que sempre mostrou o seu compromiso con Nigrán, que nos ten concedido 9,5 millóns nos últimos 10 anos. Se isto non é unha falta de xestión, que veña Deus e o vexa”, conclúen desde o PP.

Anuncios