Anuncios
Ticker de novas

A OMIX de Gondomar presenta a súa programación de actividades para o ano 2018

FOTO: CONCELLO DE GONDOMAR // Obradoiro de percusión.

A Concellería de Xuventude do Concello de Gondomar, dirixida por Nuria Lameiro, invita a toda a mocidade do concello a pasarse pola OMIX de Gondomar e informarse do abano de accións que ten en marcha para este ano 2018.

Propoñen á mocidade accións formativas, culturais, educativas e de ocio de diversa índole. A programación arranca con accións formativas, no mes de marzo estase levando a cabo un curso de tramitación electrónica e un curso de operador/a de carretillas elevadoras. En maio haberá animación hospitalaria infantil e para outubro un curso de operario/a industrias alimentarias.

En canto a accións culturais e educativas presentan no mes de abril o XII Certame Fotográfico Viaxando, para o mes de xuño un obradoiro de programación de videoxogos, no mes de xullo un curso de DJ e outro de percusión e por último uns obradoiros científicos para o mes de novembro. Dentro das accións de ocio ofrece dúas actividades en familia, repetindo a Gymkana este ano con temática medioambiental e un día de aventura en nun parque de multiaventura.

A Concellería de Xuventude irá informando puntualmente dos prazos de inscrición para poder participar.

Desde a OMIX lembran ademais que durante todo o ano poden xestionarse o Carné Xove, para que os mozos e mozas de 12 a 30 anos obteñan un desconto nos distintos comercios adheridos a nivel local, autonómico, nacional e europeo -Gondomar conta con 25 comercios adheridos ata o de agora e en breve realizarase unha campaña de difusión-, e o programa de Garantía Xuvenil, iniciativa europea que pretende facilitar á mocidade o acceso ao mercado laboral.

Máis información na OMIX ou no teléfono 986 369 746.

Anuncios