O Laroca recupera o Torneo de Xadrez Dani Da Rocha Prol

Despois de dous anos de suspensión por mor da pandemia o club de xadrez Laroca recupera o tradicional Torneo de Xadrez Dani Da Rocha Prol, que este ano cumpre a súa IX edición, cunha participación de máis de 150 xadrecistas de toda Galicia e Norte de Portugal, nas categorías sub 8, sub 10, sub 12, sub 14 e sub 20. Celebrarase no Pavillón Jorge Otero de Panxón o vindeiro sábado día 11 de xuño, a partires das 10:30 da mañá coa confirmación de inscrición. Torneo organizado polo club de xadrez Laroca coa colaboración do Concello de Nigrán e varias casas comerciais do Val Miñor.

O Torneo pertence ao circuíto galego de promoción organizado pola Federación Galega de Xadrez, que este ano vai pola XV edición. Disputarase a sete roldas, tres de mañá ás 11:00, 12:00 e 13:00 horas e catro pola tarde ás 16:00, 16:50, 17:40 e 18:30 horas, para facer a entrega de premios para os cinco primeiros clasificados de cada categoría e para o primeiro xogador local. Tamén se lle dará un recordo a cada xogador participante. A clausura será a partires das 19:30 horas, seguindo co sorteo de agasallos entre todos os participantes entre os que haberá dúas bicicletas, material informático, xogos e libros de xadrez e un longo etc.

A inscrición péchase o xoves día 9, e para participar hai que estar federado. Para inscribirse hai que consultar a páxina web do club: xadrezlaroca.gal. Como medida solidaria solicítase coa inscrición a doazón de alimentos, que serán doados ao banco de alimentos de Nigrán.