Un obradoiro sobre o aceite de oliva, con cata incluída, chega a Nigrán

Son numerosas as evidencias científicas que demostran os beneficios do consumo diario e moderado de aceite de oliva. Pero, todos os aceites de oliva son igual de saudables? Que ten o aceite de oliva que non teñan os aceites de sementes? Os veciños de Nigrán terán resposta a estas e outras cuestiones grazas ao obradoiro “O aceite de oliva, o ouro líquido do noso tempo”, que se celebrará no Centro de Educación Especial de Panxón os próximos 8 e 9 de marzo.

As investigadoras Raquel Mateos e Beatriz Sarriá, do Instituto de Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos e Nutrición do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) tentarán dar resposta a dúbidas frecuentes sobre este alimento. Así, no obradoiro repasaranse os tipos de aceite dispoñibles comercialmente para saber cal é o máis adecuado segundo o uso que se lle queira dar. Tamén se profundará na súa composición para coñecer os ingredientes que o fan único e proporcionan ese valor nutricional, a pesar de tratarse dun produto graxo.

A actividade compleméntase cunha cata de aceites cuxo obxectivo é coñecer aspectos crave deste produto. Na cata explicarase como analizar este alimento a través das fases olfativa, gustativa/retronasal e táctil, as características sensoriais (sabor, aroma e textura) e a descrición dos principais atributos negativos e positivos.

Realizaranse dúas sesións do obradoiro. O xoves 8, ás 19:00 horas, terá lugar unha sesión para todos os veciños que queiran participar, previa inscrición. As solicitudes xestionaranse do 1 ao 7 de marzo a través da Oficina de Información Cidadá (Telf. 986 365 000) e seguirase unha rigorosa orde de inscrición. Ao día seguinte, ás 12:00 horas, realizarase unha sesión para alumnos do CEE de Panxón e do Obradoiro de Emprego “Terras do Miñor” (de operacións básicas de cociña e de servizos de restaurante).

Esta actividade enmárcase no proxecto de divulgación científica Ciudad Ciencia, unha iniciativa desenvolvida polo Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) e a Obra Social “la Caixa” cuxo fin é que os habitantes de localidades españolas coñezan de primeira man a actualidade científica e tecnolóxica. A rede de Ciudad Ciencia está formada por 42 municipios.