Sin categoría

O Pleno de Gondomar aproba pavimentar os camiños de terra dos núcleos rurais

Por incrible que pareza aínda existen vivendas en Gondomar dentro dos núcleos rurais con camiños públicos de propiedade municipal cun firme de terra. Dende o Grupo Municipal de Gondomar Concello Aberto levan neste mandato unha liña de actuación tendente a eliminar este anacronismo, por dicilo de xeito suave.

A Administración municipal está mandatada por lei a dar unha serie de servizos a toda a cidadanía. Entre estas competencias propias que veñen nitidamente reflectidas na Lei de Bases de réxime local, está o seu artigo 26.1, que di que os Concellos deberán prestar, en todo caso, os servizos seguintes: alumeado público, cemiterio, recollida de residuos, limpeza viaria, abastecemento domiciliario de auga potable, sumidoiros, acceso ao núcleos de poboación e pavimentación das vías públicas.

“O goberno está obrigado a facelo, pero non o fai. O noso grupo municipal leva periodicamente propostas ao Pleno para que se remedie esta situación. As propostas son aprobadas, mesmo por unanimidade, e logo non executadas polos responsables políticos do goberno municipal máis interesados na francachela e no escaparate que no benestar da cidadanía”, afirma Pauliño del Río.

Mentres a veciñanza, usuaria destes camiños públicos, que tivo que solicitar e obter a preceptiva licenza de obras para construír a súa casa, que tivo que ceder parte do seu terreo ao concello para anchear ese camiño e gastar os cartos para facelo en documento notarial, e que paga escrupulosamente os seus impostos, contribución e imposto de rodaxe, entre eles, non teñen uns camiños públicos que reúnan os mínimos esixidos en canto a súa pavimentación e outros servizos.

CABE lembra que deben ser tratados coma calquera outro veciño ou veciña, viva nas parroquias ou no casco urbano, pola contra non teñen os mesmos servizos.

“Está é unha situación intolerable á que hai que poñerlle remedio e sen dilación nin escusas. A que espera o goberno municipal? Seica o Sr. Alcalde non coñece a súa situación xa que preguntou no pasado Pleno ao noso grupo que lle indicaramos cales eran eses camiños, o que así fixemos. Tal vez o Sr. Ferreira debería andar algo máis polas parroquias do noso Concello”, engade Del Río.

Na sesión Plenaria do mes de febreiro, celebrada o pasado xoves, Gondomar Concello Aberto presentou unha proposta de Acordo para que se pavimentaran eses camiños de terra. Foi aprobada por unanimidade.