Anuncios
Ticker de novas

O alcalde de Nigrán solicita unha reunión urxente á Xunta para analizar o proxecto de mellora da PO-552

FOTO: CONCELLO DE NIGRÁN // Cruce da PO-552 no que se fará unha rotonda.

O Concello de Nigrán, a través do seu alcalde, Juan González, enviou onte á Consellería de Infraestruturas e Vivenda unha solicitude de reunión urxente cos técnicos e o director dos dous proxectos de mellora da seguridade viaria na PO-552. En concreto, o Concello quere solicitar información de primeira man sobre a construción dunha rotonda na Ramallosa (á altura de Piensos Biona) que, segundo denuncian os veciños, dificultaría o acceso ao Camiño das Barreiras, unha rúa que dá entrada a numerosas casas e diversas empresas. Paralelamente, o rexedor requirirá máis detalles sobre a necesaria construción dun itinerario peonil en toda a contorna de Ureca. “Trátase de dúas cuestións que non veñen debidamente resoltas na documentación recibida e queremos que os técnicos nolo expliquen de cara a presentar as pertinentes alegacións”, explica o rexedor, Juan González. Paralelamente e, ao marxe da reunión, o Concello ultima un informe cos técnicos municipais con diversas alegacións (a data límite é o 7 de marzo).

O Concello mantén expostos ambos proxectos e, ademais, facilitoullos ás entidades veciñais A Unión de San Pedro e A Irmandade de Priegue co obxectivo, precisamente, de informar de primeira man desta actuación para que sexan partícipes e trasladen ao goberno local as súas propostas. Así, os veciños da Ramallosa manifestaron a súa preocupación porque a construción dunha rotonda no actual cruce de Biona dificulte o acceso ao Camiño das Barreiras.

Paralelamente, dende o goberno de Nigrán requirirán máis detalles sobre a mellora da accesibilidade peonil na contorna da rotonda coa AG-57 a Porto do Molle ou Camiño A Camesella e Ureca, xa que actualmente só dispón dun único itinerario peonil moi complexo e, segundo o proxecto, non se contempla ningunha actuación ao respecto pese a ser unha zona moi transitada por camiñantes, xa que dende aí se entra ao sendeiro do Río Muíños ou ás instalacións deportivas de Ureca. “É imprescindible a construción de itinerarios seguros e accesibles en toda esa zona”, recalca o alcalde, Juan González.

Ao marxe da petición urxente desta reunión, o Concello de Nigrán alegará para que se mellore a seguridade na curva da PO-552 á altura do Camiño das Angustias e Camiño da Cal, un punto de alta concentración de accidentes por mor da alta velocidade coa que acceden os vehículos pese a tratarse dunha pendente descendente cun trazado complicado. “Os días de choiva son habituais as saídas de vía e colisións, sería preciso instalar redutores de velocidade e mesmo substitución de pavimento por outro con máis adherencia, como o aplicado recentemente nesta estrada na contorna das Roteas, en Vigo”, indica González.

Outra das alegacións que se presentarán dende o Concello será a mellora da seguridade no cruce entre Manuel Alonso, Camiño Vello e Vilameán. Esta confluencia de rúas está insuficientemente regulada mediante semáforos e precisa dunha reordenación que facilite aos condutores a circulación. O mesmo problema presenta en Priegue o acceso dende a PO-552 á Rúa Rouxo (barrio de Chans ou Campo Municipal de Condomínguez). “Tratándose precisamente dun proxecto de mellora da seguridade viaria, debe incluír estes dous puntos actualmente perigosos para peóns e condutores”. Finalmente, o rexedor explica que tamén se alegará para que o asfaltado entre tramos de obra sexa continuo e non se limite aos puntos da actuación. “En moitos casos hai poucos metros entre as zonas onde se intervirá, polo que resulta máis razoable que a reposición do asfaltado sexa continuo e non se limite á parte das obras”, conclúe o alcalde.

Anuncios