Anuncios
Ticker de novas

Aprobado o núcleo de Campo Grande en Morgadáns que permitirá salvar do derrubo catro vivendas

Grazas ao traballo dos técnicos municipais de Gondomar, da man dos técnicos da Xunta, e da propia Directora Xeral de Urbanismo, que tamén fixo súa a preocupación do concelleiro de Urbanismo e dos veciños do barrio de Campo Grande, hoxe podemos falar da aprobación definitiva deste núcleo, e en consecuencia, da tranquilidade que este feito de tanta relevancia vai supoñer como mínimo para catro familias que tiñan pendurada sobre as súas vivendas a espada de Damocles das actuacións da APLU. Nun núcleo rural tradicional, que tivo a “mala sorte” de non ser delimitado nos anos 90.

Despois de case dous anos de traballo (pois houbo que comezar de novo unha tramitación case rematada por mor da entrada en vigor da nova LOUGA) e de pasar pola peneira de 24 trámites (informes sectoriais), incluso o de Aviación Civil do Estado porque Campo Grande pode afectarlle aos voos que van cara Peinador, o pasado 2 de febreiro foi aprobado definitivamente pola Xunta a delimitación do núcleo rural de Campo Grande. Asemade, tamén xa están a punto de ser aprobados os núcleos de Penalba, Mourisca, San Roque, Prado, A Carballa e Cruceiro-Donas, en distintas fases.

“Resolver ou endereitar aquilo que se fixo mal, ou non se fixo en urbanismo, ademais de ser unha tarefa complexa, consome esforzos, tempo e enerxías, e non sempre producen o resultado desexado, ademais da dificultade engadida de explicalo. Pero é una obriga política, e mesmo moral, que como concelleiro de Urbanismo asumín coa vontade e o convencemento de lle resolverlle o problema a moitas persoas vítimas da situación urbanística de Gondomar que elas non provocaron e na que se viron atrapadas por mor dunha mala xestión de políticos locais que están na memoria de todo Gondomar. Acometer a ordenación do territorio, aínda que sexa dun anaco pequeno do mesmo, se se fai honestamente e coa vocación dun servizo público, sempre é beneficioso para a veciñanza e para o ben común”, destaca Antonio Araújo.

“Ne mesma liña dese traballo calado e duro, case anónimo, de apostar por un urbanismo con seguridade xurídica, tamén cómpre anunciar que por fin están desbloqueadas as licenzas de obra nas áreas de tolerancia (una faixa de 40m ao redor dos núcleos delimitados), que xa comezamos a conceder dende hai 15 días, o que vai permitir dar unas 40 licenzas que até agora estaban agardando e que haberá que revisar, corrixir etc, pero que irán saíndo pouco apouco”, engade o concelleiro de Urbanismo.

“Son consciente que estes traballos son só paliativos e que resolven unha parte pequena do problema urbanístico que ten Gondomar, cuxa solución pasa pola aprobación do PXOM, cuxo borrador pasou pola fase de participación veciñal e social, e que neste momento só está pendente de resolver a cesión do contrato de EPTISA (que foi mercada polos chinos) á nova empresa (que vén sendo o equipo de planeamento que EPTISA tiña e do que se desfixo). Neste momento está pendente da decisión do Alcalde de levalo á Xunta de Goberno para aprobar a devandita cesión, e que conta con informes abondo firmes para poder facelo. Dilatar esta decisión supón paralizar un proceso que se puxo en marcha con moito apoio veciñal e, a posibilidade e perder 224.000 € de subvención para facer o PXOM, o que supoñería outros 15 anos máis sen PXOM”, conclúe Araújo.

Anuncios