“Se alguén se merece un galardón é desde logo a veciñanza de Chandebrito”

O BNG solidarízase coa indignación manifestada polo presidente da comunidade de montes de Chandebrito polo acontecido durante a vaga de lumes

A terrible vaga de lumes que padecemos na fin de semana do 15 e 16 de outubro tivo unha especial virulencia na parroquia de Chandebrito, co tráxico resultado de dúas persoas falecidas, Maximina Iglesias e Angelina Otero.

“O lume asolou completamente esta parroquia e provocou unha situación de emerxencia e tensión entre a veciñanza ao ver que perigaban tanto as súas vidas como as súas vivendas por mor da evidente carencia de medios para facerlle fronte ao lume, ante o desamparo ao que os condenou a pésima xestión do goberno Feijóo”, afirma Xavier Rodríguez, Portavoz Municipal do BNG.

Á luz do acontecido para o nacionalista é obvio que no caso de Chandebrito fallou o operativo de emerxencias e que unha desafortunada decisión de desaloxo por parte dos efectivos policiais desprazados tivo como consecuencia a morte de dúas persoas.

En palabras do portavoz municipal do BNG en Nigrán, “entendemos que se falla o dispositivo de emerxencias e se toman decisións erradas que ocasionan a perda de vidas humanas non hai razón algunha para outorgar ningún tipo de galardón ou recoñecemento. En todo caso, se alguén o merece é desde logo a veciñanza de Chandebrito que se enfrontou practicamente soa á extinción do lume”.

Segundo Rodríguez pódese comprender que nunha situación extrema como foi a que se deu en Chandebrito, non é doado tomar decisións, máxime cando os efectivos policiais desprazados carecían da preparación axeitada e do necesario coñecemento do terreo.

“Pero o que nos parece de todo punto inadmisible é que ante o cúmulo de decisións erradas que provocaron ese caos, os sindicatos policiais SUP e UFP se atrevan a amedrentar a un representante veciñal por ter a valentía de trasladar o malestar e indignación da veciñanza de Chandebrito ante o acontecido nesa parroquia”, conclúe o nacionalista.