O BNG explicará en Vilaza a proposta que fará ao pleno do xoves para resolver o problema da auga na parroquia

O BNG explicará en Vilaza a proposta que fará ao pleno do xoves para resolver o problema da auga nesa parroquia. Será no encontro veciñal convocado para hoxe, luns 12 de decembro, ás 19:30 horas no Centro Cultural.

A portavoz municipal e candidata do BNG ás vindeiras eleccións municipais, Manuela Rodríguez, dará a coñecer á veciñanza de Vilaza o contido da moción que a organización nacionalista rexistrou o pasado 1 de decembro, e coa que consideran que se pode “dar solución á problemática administrativa do paso da denominada Comunidade de Augas para Uso Doméstico de Vilaza á titularidade do Concello de Gondomar”, afirma Rodríguez.

No encontro, que é o penúltimo dos trece programados polas distintas parroquias do concello, tamén haberá lugar para que veciñas e veciños trasladen todo tipo de achegas a respecto doutras necesidades ou carencias na parroquia, en particular, e no concello, en xeral.