Os afectados polos incendios terán unha oficina de asesoramento en Baiona para tramitar as axudas

O Concello de Baiona pon a disposición dos veciños afectados polos incendios da semana pasada unha oficina para poder solicitar información para a petición de axudas polos danos ocasionados. A esta medida hai que engadir a posta a disposición por parte do consistorio dun teléfono de contacto e un correo electrónico para pedir información.

A oficina estará situada no baixo do Viveiro de Empresas localizado na Rúa do Reloxo, número 5. A través deste servizo, as persoas interesadas poderán dar conta dos danos persoais e materiais sufridos debido aos lumes, cos que o goberno municipal elaborará unha listaxe de incidentes e necesidades.

O número de teléfono habilitado é o 986 35 64 10. O horario de atención é de luns a venres de 9 a 13 horas. A dirección electrónica de contacto é: tecnicodeemprego@baiona.org.

“Desde o Concello somos coñecedores dos arduos esforzos realizados pola poboación de Baiona para sufocar as chamas que irremediablemente se achegaban ás súas vivendas, tendo moitos veciños que utilizar todos os medios á súa disposición, entre eles a utilización de diverso material dos seus fogares. Para todos aqueles que sufriron algún dano na súa vivenda e para os que sufriron algunha deterioración ou perda de material nos labores de extinción, quixemos poñer a disposición esta oficina para orientalos e que coñezan de primeira man as diferentes liñas de axuda”, apuntou Rodal.