Vitoria da AD Vincios sobre o actual campión de liga, o UCAM Cartagena

FOTO: AD VINCIOS // Ievgen Pryshchepa

Tras o tropezo da semana pasada no desprazamento a Priego (Córdoba), onde se perdeu por 4-1, este fin de semana a Agrupación Deportiva Vincios superou ao actual campión de liga, o UCAM Cartagena, nun bo partido celebrado como locais Gondomar.

Empezou o partido cun encontro entre o xogador local e internacional ucraíno Ievgen Pryshchepa e o xogador húngaro Daniel Schaffer, con vitoria local por 3-0. O segundo partido, entre o xogador do equipo gondomareño e internacional portugués Diogo Silva e Antonio Villaescusa, rematou con vitoria local co mesmo tenteo no marcador. No terceiro partido enfrontáronse nun interesante duelo o xogador canteirán do Vincios Martín Pintos e o xogador andaluz Miguel Ángel Vilchez, internacional español, en que se puideron ver uns set moi axustados con puntos espectaculares. A vitoria caeu ao lado do UCAM Cartagena por 3-1.

Co marcador global 2-1 para os locais, iniciouse a segunda rolda de partidos, onde o enfrontamento entre Diogo Silva e Daniel Schaffer resolveuse nun partido moi axustado por 3-1 a favor do xogador do Vincios. O último encontro entre Pryshchepa e Vilchez, brindou a oportunidade aos afeccionados de ver un tenso partido con alternancia no marcador, onde o xogador local tivo que remontar un resultado adverso en sets 1-2, ata lograr impoñer o seu xogo e experiencia para rematar gañando 3-2, nun último e emocionante set por 11-8. Con esta vitoria e un resultado global de 4-1 rematou o encontro, con dous puntos máis na marcadora do Vincios, que se consolida na zona media da táboa.

Anuncios