Anuncios
Ticker de novas

O furacán Ophelia podería deixar ventos de 90 km/h na costa galega

A Axencia Estatal de Meteoroloxía informou este venres da alta probalididade de que o furacán Ophelia afecte este fin de semana nas zonas marítimas da costa atlántica, principalmente de alta mar.

O Centro Nacional de Furacáns (NHC) con sede en Miami, organismo responsable do seguimento de ciclóns tropicais no Atlántico Norte, informa sobre o furacán Ophelia (actualmente de categoría 2, con 970 hPa de presión no seu centro), localizado en 31.1 N e 33.9 W hoxe día 13, ás 11 horas locais, con ventos máximos sostidos de 90 nós (preto de 170 km/h) e que se despraza lentamente ao este-nordeste. Espérase que o sábado día 14 a última hora entrará ao sur das zonas marítimas de Azores, extremo noroeste de Madeira e extremo suroeste de Josephine, afectando de forma moi significativa ao estado da mar nas devanditas zonas, xerando ventos de forza 9 a 11.

Segundo a evolución máis probable a partir da madrugada do domingo día 15, Ophelia desprazarase polas zonas marítimas do leste de Azores, Josephine, Charcot, oeste de Porto e de Finisterre, alcanzando finalmente Pazenn a finais do domingo 15 e Gran Sol o luns 16 de madrugada convertido xa en ciclón post-tropical. Ao seu paso polas citadas zonas marítimas os ventos poderán alcanzar forza 11 con máximos de vento de 80 nós, xerando zonas de mar montañosa (ondas entre 9 e 14 metros de altura), con precipitacións moi intensas.

Espérase que a finais do domingo día 15 o seu centro sitúese aproximadamente ao redor de 43ºN 15ºW, na súa máxima aproximación ás costas peninsulares, xerando ventos forza 8 a 10 no oeste da zona marítima de Finisterre e forza 7 na costa atlántica galega, podendo alcanzar refachos de 70-90 km/h no litoral oeste e noroeste de Galicia a última hora do domingo e a madrugada do luns.

Anuncios