Sin categoría

A Xunta propón sancións por importe de 930.000 € a catro navieiras por incumprir o cupo de Cíes

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio vén de resolver a proposta de sanción a catro navieiras por un importe de 930.000 euros. A sanción fai referencia ás irregularidades e incumprimentos de cupo detectados os días 3, 5 e 19 de agosto na entrada ás illas Cíes.

A Consellería de Medio Ambiente iniciou a incoación de dez expedientes o pasado 28 de agosto, tras as denuncias formuladas polo servizo de gardaría do Parque  Nacional das Illas Atlánticas ao detectar excesos a través dos sistemas de control.

A partir desa data, as empresas denunciadas dispoñían dun prazo de 15 días para presentar alegacións á proposta de inicio de sanción emitida pola Xunta. Unha vez recibidas as mesmas, a Dirección Xeral de Patrimonio Natural procedeu a resolver a proposta de sanción por un importe de 930.000 euros.

Os criterios que a Consellería de Medio Ambiente sopesou para determinar o importe das multas ás navieiras foron os seguintes: o potencial dano aos valores medio ambientais, a porcentaxe de pasaxeiros non autorizados, así como o volume total dos mesmos, a reincidencia e o beneficio ilícito, tal como establece a Lei 42/2007 de Patrimonio Natural e da Biodiversidade.

En función do grao de incumprimento en base aos criterios anteriormente citados determinouse a sanción a cada unha das navieiras denunciadas, que, nos casos máis graves, como Mar de Ons se traduciu nun exceso de máis dun 300% sobre o número de pasaxeiros autorizados os días 5 e 19 de agosto; mentres que na navieira Illa de Ons se superou nun 288% o número de billetes autorizados día 5 de agosto. Na táboa axunta indícanse a proposta de sanción global por navieira:

Proposta de sanción
• Mar de Ons, SL – 600.000 euros
• Illa de Ons, SL – 250.000 euros
• Tour Rías Baixas, SL –  40.000 euros
• Cruceiro Rías Baixas, SL – 40.000 euros

Os incumprimentos denunciados refírense á superación da carga máxima diaria de visitantes no Arquipélago de Cíes (2.000 en transporte regular, máis 200 en visitas organizadas e 800 prazas máximo no camping). Durante o procedemento comprobouse e constatouse que o sistema de central de reservas funcionou con total normalidade, tal e como demostra o certificado de actividade emitido pola Amtega; polo que en ningún caso fallou o sistema de compra de billetes, cuestión que alegan as empresas.

Cómpre lembrar que dada a gravidade dos feitos, a Xunta interpuxo unha denuncia ante a Fiscalía por si estas actuacións foran, ademais de obxecto de sanción, constitutivas de infracción penal por falsificación de documentos e estafa á cidadanía.