Vigo e Nigrán acollen a quinta edición do tríatlon Desafío Islas Cíes

FOTO: CONCELLO DE VIGO // Presentación do Desafío Islas Cíes.

Vigo e Nigrán acollerán a quinta edición do tríatlon Desafío Islas Cíes, que se celebrará o próximo domingo 24 de setembro con 500 inscritos que nadarán 1,9 quilómetros, percorrerán 90 quilómetros en bicicleta e correrán 21 quilómetros.

O concesionario de BMW Celta Motor acolleu este martes a presentación no evento, unha proba segundo o rexedor vigués, Abel Caballero, cada vez máis popular, que require gran esforzo físico e que xa forma parte do calendario deportivo da cidade. Na presentación tamén estiveron presentes Oscar José Surís, presidente da Federación Galega de Tríatlon; David Regades, segundo tenente de alcalde e deputado provincial; Daniel Benavides, xefe do servizo provincial de Deportes; José Luis Sanromán, concelleiro de Deportes de Nigrán; Rubén Rial, concelleiro de Seguridade de Nigrán e representantes dos distintos patrocinadores privados como Banco Pastor, BMW Celta Motor, Cola Cola e Gadis, entre outros.

Os 1.9km de natación desenvólvense nun circuíto de boias na Praia do Vao. O percorrido de bicicleta de 90 km aproximadamente, consiste en catro voltas a un circuíto pechado pola estrada da costa que une as poboacións desde a Praia do Vao en Coruxo (Vigo) ata A Ramallosa (Nigrán). Os 21 km de carreira a pé consistirán en 3 voltas por un circuíto con saída desde a Praia do Vao dirección Vigo pola estrada da praia, para continuar correndo polo paseo do muro da Praia de Samil. Para volver, correndo pola estrada, ata a rotonda de Boxes no Vao.

Ademais do tríatlon, o sábado haberá un acuatlón para nenos e nenas de entre 9 e 17 anos que terán que nadar e correr en catro categorías segundo idade, así como carreiras de nenos de entre 5 e 8 anos. O domingo tamén haberá unha carreira popular de 7 quilómetros. En total, serán máis dun millar os deportistas que participarán nunha iniciativa que contará a súa vez con 250 voluntarios, ademais da colaboración de Protección Civil e da Policía Local.