Anuncios
Ticker de novas

Máis de vinte mulleres do mar poñen en común retos e reflexionan sobre o seu futuro en Baiona

Máis de vinte persoas, na súa maioría mulleres, acudiron ao obradoiro de xeración de ideas de Candieira, celebrado no Parador de Baiona e organizado polo GALP Ría de Pontevedra. O obxectivo deste encontro era favorecer a xeración de ideas e iniciativas, ben asociativas, ben económicas, que desen resposta ás necesidades e retos das mulleres do mar. Os resultados do obradoiro redireccionaranse nos vindeiros meses de cara a materializar aquelas iniciativas que algunhas das participantes desexen desenvolver coa axuda e o asesoramento do equipo técnico de Candieira e do GALP.

Este obradoiro é o segundo celebrado no marco da Rede de apoio ás mulleres do mar Candieira, un proxecto de cooperación entre seis GALP. Ao longo das vindeiras semanas seguiranse organizando obradoiros nos territorios dos grupos, abarcando a costa galega. Aínda que están pensados para mulleres do mar ou que queiran emprender algunha iniciativa desde a innovación relacionada co sector pesqueiro e mariño e con aqueles outros sectores relacionados (hostalería, turismo, formación etc.), están abertos a quen queira participar e son de balde. Tamén é importante a presenza de axentes institucionais, promotores, potenciais clientes e profesionais que poidan ser de apoio, en xeral, para o futuro sector marítimo pesqueiro.

Experiencias inspiradoras

Teresa Ramos, de Babadiva Ambiental, Rita Míguez, presidenta de Anmupesca e patroa maior de Arcade, e María José Cacabelos, presidenta das mariscadoras e vicepatroa da Confraría de Cambados, por parte de Guimatur Cambados Guimatur, foron as encargadas de relatar as experiencias en cadansúa iniciativa, co fin de que as participantes tomaran nota de exemplos inspiradores que poidan impulsar outras ao abeiro de Candieira.

A presidenta de Anmupesca resaltou a necesidade de que a muller estea presente “en calquera mesa onde se trate o tema da pesca”. “Cada vez crecemos máis profesionalmente, pero temos moitos anos perdidos e temos que pegar un sprint, é unha débeda que temos coas mulleres de antes”. A súa é a primeira asociación que agrupa as mulleres da pesca de todo o Estado, creada o pasado ano para visibilizar, profesionalizar e acadar melloras profesionais. Pola súa banda, María José Cacabelos lamentou a escaseza de datos económicos sobre “todo o que achega” a muller do mar co seu traballo, non só ao propio sector pesqueiro, senón a outros ámbitos industriais. Explicou que Guimatur naceu para transmitir coñecemento e poñer en valor o traballo das mariscadoras. “Cando comezamos malamente cubriamos a seguridade social. Que veña xente de fóra, formada, e admire, valore e vexa as vantaxes de ser donas do noso traballo aumentou a nosa autoestima”. Tamén formulou o reto de facer que o mundo do mar “sexa acolledor”, pois “atractivo xa é”. Por último, Teresa Ramos, de Babadiva, fixo fincapé na necesidade de “informar para aprender a valorar desde o turismo sostible”.

As tres coincidiron na necesidade de que as mulleres e cree alianzas por un futuro sostible e que mellore a súa visibilización e profesionalización.

Retos comúns

Partindo dunha serie de retos recollidos en encontros anteriores, as persoas participantes foron engadindo outros novos e identificando atrancos. Entre outros asuntos, falouse de atallar a igualdade retributiva coa igualdade profesional, pensar no futuro do mar en clave de conservación, colaborar coas asociacións de cara a obter información cuantitativa de cantas mulleres hai traballando no mar, transmitir a cultura asociativa que algunhas mulleres do mar están a levar a cabo ao resto do sector, e que desde os concellos se recoñeza esta labor, intentar influír no prezo do marisco -algo que se está a facer nalgunhas agrupacións- creando unha rede de comunicación entre todas as confrarías para ter prezos mínimos e así non sobrecargar o mercado, máis formación e acceso á información, canles abertos da xente da pesca do día a día con equipos técnicos e administracións, máis comunicación co público para que saiba a que se debe o prezo que paga polo produto, máis unión e profesionalidade, dar máis importancia á clasificación dos produtos, máis prevención de riscos laborais, e a concienciación na corresponsabilidade de cara a romper o teito de cristal das mulleres.

Ao remate do obradoiro as participantes redactaron os titulares daquelas novas que lles gustaría ver feitas realidade nun futuro próximo.

Anuncios