O Porto de Panxón acolle a segunda edición de “Nigrán, mar de sabores”

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ

O Porto de Panxón será escenario durante esta fin de semana da segunda edición da festa «Nigrán, mar de sabores», un evento que fusiona tradición mariñeira con gastronomía e ocio organizado entre Concello e Confraría de Pescadores “La Anunciada” coa financiación do Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP). O obxectivo destas xornadas festivas, que se desenvolverán durante todo o sábado e domingo, é poñer en valor os produtos pesqueiros locais máis representativos e o patrimonio cultural asociado ao mesmo. Así, os asistentes poderán degustar diferentes pratos (mexillóns, percebes, navallas, polbo, arroz mariñeiro, peixe espada, empanadas, pizzas, postres caseiros…) ao tempo que se ofrece unha programación ininterrompida de ocio para todo tipo de público que inclúe exhibicións, obradoiros, xogos, actuacións musicais…

Entre as actividades programadas destacan as exhibicións das diferentes artes pesqueiras, unha exposición con fotografías e vídeos da xente do mar, acuarios con especies mariñas locais, obradoiros e xogos para nenos… Todo elo acompañado de música, representacións que nos recordarán as tradicionais poxas de peixe ou incluso a simulación do rescate dun golfiño o domingo ás 18:00 horas a cargo de CEMMA (Coordinadora para o Estudo de Mamíferos Mariños). O sábado actuarán os grupos folk Virandeira ás 13:00 horas e Vai Trío ás 21:00 horas, mentres que o domingo a actuación musical será ás 13:15 co grupo de gaitas Os Terribles de Donas.

Toda a programación terá lugar no porto de Panxón, onde se instalarán carpas e se acondicionará o espazo para acoller este evento que arranca o sábado e o domingo ás 11:00 horas.

En definitiva, as xornadas servirán para levar a cabo unha labor divulgativa da importancia do sector pesqueiro na zona, para mellorar a concienciación ambiental e, ao mesmo tempo, para fomentar o consumo responsable dos produtos do mar.

PROGRAMA DE ACTIVIDADES NIGRÁN, MAR DE SABORES