Preto de 1.000 persoas únense á Parranda de San Pedro no seu centenario

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // A Parranda de San Pedro camiño de Morgadáns.

Preto de 1.000 persoas sumáronse este ano á popular Parranda de San Pedro na súa camiñada número 100 dende A Ramallosa a Morgadáns (Gondomar) para festexar o San Roque. Neste aniversario tan especial, o Concello de Nigrán colaborou poñendo a Charanga OT, que animou os 9 quilómetros de andaina, como xa é tradición.

O multitudinario grupo de peregrinaxe, formado fundamentalmente por xente de Vilariño pero tamén doutras parroquias de Nigrán, reuniuse ás 9.00 da mañá fronte ao Ekomax de A Ramallosa, onde tras botar os consabidos foguetes, saíu ás 9.30 horas. Catro tractores e un camión completamente engalanados con flores cargaron aos nenos e maiores, as viandas e o viño, mentres que outro vehículo levou nunha plataforma unha empanada de 3×4 metros e 80 quilos de peso doada polo obradoiro nigranés Tupana (todos os que mercaron a camiseta deste ano puideron degustala á súa chegada ao mediodía a Morgadáns). A comitiva foi acompañada durante todo o traxecto pola Policía Local de Nigrán e despois a de Gondomar.

«É unha tradición moi arraigada en Nigrán que dende o goberno queremos preservar e fomentar», explica o alcalde, Juan González, quen tamén fixo o camiño dende o inicio.

A directiva da parranda, tras investigar entre os máis vellos do lugar, pescudou o ano pasado que este 16 de agosto cumprirían cen anos de tradición. Unha das testemuñas máis antigas desta costume data de 1928, cando José Gil a incluíu no seu documental para a Unión de Hijos de Morgadanes de Montevideo titulado “Nuestras fiestas de allá”, dispoñible en youtube grazas á restauración de 1999 do Centro Galego de Artes da Imaxe. Ao igual que se aprecia nese vídeo, hoxe os veciños de Morgadáns aplaudiron a chegada dos da Parranda de Nigrán, que deron unha volta á igrexa antes de asistir á Misa Maior.

Unha vez finalizados os actos relixiosos, as tradicionais “poxas” a cargo de Carlos Riveiro darán paso á música, a comida, a charanga e a diversión na Carballeira ata ben entrada a tarde, cando a Parranda recolle os seus bártulos e inicia a viaxe de volta cara Nigrán, para finalizar no Convento dos Pais Franciscanos de Vilariño, pensando sempre xa no próximo ano.

Na parroquia de Vilariño sinalan a un home chamado Dionisio como o fundador da parranda en 1917, personaxe do que descoñecen o apelido pero que, aseguran, tivo 40 fillos con diferentes viúvas por mor da Guerra Civil. Naqueles anos, a parranda estaba integrada por unha vintena de familias (sobre 100 persoas) nas que as mulleres levaban a comida en patelas na cabeza e os homes os garrafóns de viño, sempre acompañados por gaiteiros todo o camiño.

El pase de diapositivas requiere JavaScript.

Anuncios