Baiona rende tributo a Remigio Nieto, director da súa primeira Biblioteca Municipal

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // Beatriz Baena recolle a disntición de mans do alcalde, Ángel Rodal.

O Concello de Baiona homenaxeou este venres ao mestre nacional Remigio Nieto coa entrega a súa familia do Lazo de Honra, concedido pola Comisión de Honras e Distincións, nun emotivo acto celebrado no Salón de Plenos.

O que fora director da primeira Biblioteca Municipal de Baiona no puido acudir por cuestións de saúde e os seus familiares encargáronse de recoller o galardón. O Salón de Plenos de Baiona acolleu un acto no que participaron os cuñados do mestre e parte da súa familia, así como o alcalde, Ángel Rodal, membros da Corporación Municipal e os ex rexedores Jesús Vázquez Almuiña, actual conselleiro de Sanidade, Manuel Vilar e Carlos de la Peña.

“Dedicou grande parte da súa vida enriquecer a cultura dos baioneses, fundou a academia na que estudaron moitos dos nosos veciños e converteu a nosa primeira biblioteca nunha referencia en toda a provincia”, afirmou Ángel Rodal.

Pola súa banda, Pablo Leyenda, en nome da familia de Remigio Nieto e do propio homenaxeado, desculpou a ausencia e asegurou que “lle gustaría moito estar aquí, pero foi imposible”. Leyenda agradeceu a toda Baiona e á Corporación Municipal o galardón recibido.

Remigio Nieto

Remigio Nieto naceu en Salvaterra de Miño en 1936, mestre nacional e licenciado en Filosofía e Letras pola Universidade de Madrid, ofrece unha dobre vertente, a docente e a artística. Durante o período 1960-73 desenvolveu un importante labor educativo en Baiona, onde fundou un centro de cultura xeral e dirixiu a Biblioteca Municipal, que baixo a súa tutela converteuse nun foco de irradiación de manifestacións culturais diversas: cursos, conferencias, publicacións, exposicións. Especial significado tivo a mostra bibliográfica, documental e artística sobre Baiona celebrada en 1973, como reflexo da cal publica a súa primeira obra, “Contribución a unha bibliografía de Baiona A Real” (Vigo, 1973). Por todo iso foille concedido o premio do Centro Provincial Coordinador de Bibliotecas.

Colabora no Faro de Vigo e no Ideal Galego, con artigos de carácter histórico, en 1980 publica “Guía monumental ilustrada de Pontevedra”, obra que xunto a outros traballos fai que se lle outorgue o premio Cidade de Pontevedra.

Remigio Nieto levou a cabo tamén un labor didáctico no campo artístico, mediante cursos de Expresión Plástica en colexios nacionais e no taller da Delegación Provincial de Cultura de Pontevedra, pertence á International Society for Education Through Art e foi un dos promotores de Fomento da Expresión Plástica e Artística. Como artista aínda que discípulo de Pintos Fonseca, é un autodidacta, cultiva a pintura e o debuxo, participando en varias exposicións individuais (A Coruña, Lugo, Pontevedra e Vigo) e en certames colectivos como a IV e V Bienal Nacional de Arte da Deputación e Pontevedra e a Exposición de Artistas Pontevedreses da Delegación de Cultura.