Portos de Galicia aproba o Plan de Usos de Panxón

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // Porto de Panxón.

A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, vén de aprobar o documento de Delimitación de Espazos e Usos Portuarios (DEUP), o chamado Plan de Usos, do porto de Panxón (Nigrán). O Consello de Administración do ente público ratificou na súa última reunión este plan que permite unha mellor planificación e explotación do solo portuario.

O DEUP recolle o ordenamento do solo e a distribución das actividades que se desenvolven no dominio público portuario. Deste xeito, define os usos e actividades que se realizan en cada caso e zonifica o solo portuario para o desenvolvemento futuro das distintas actividades que conviven nos peiraos.

A Delimitación de Espazos e Usos Portuarios é unha actuación encamiñada a mellorar a relación entre os portos e as vilas que os acollen, unha das liñas de traballo permanente de Portos de Galicia que, a día de hoxe, ten aprobada unha trintena de plans para outros tantos portos autonómicos.

Deste xeito, o ente público avanza na cohesión entre o tecido urbano e as infraestruturas portuarias, de modo que poidan beneficiar non só aos usuarios directos, senón tamén ao conxunto da cidadanía. Así mesmo, establece unha planificación e zonificación das diferentes actividades que conviven no peirao, a medio e longo prazo.

Anuncios