Gondomar Concello Aberto aposta pola municipalización do servizo de recollida de lixo

FOTO: CONCELLO DE GONDOMAR

O goberno municipal levou ao pleno de xullo que se celebrou o pasado luns ás 20:00 horas no Auditorio Lois Tobío de Gondomar os pregos de condicións técnicas e de condicións administrativas para licitar a Recollida de Residuos Sólidos Urbanos.

Desde Gondomar Concello Aberto critican que o Alcalde, nun tema de tanta transcendencia, nin sequera defendeu a proposta do goberno ou expuxo os pregos de condicións técnicas e administrativas para a licitación dos RSU, limitouse a pedir a opinión dos distintos grupos municipais. “Así prepara o goberno municipal un tema capital para o concello de Gondomar. Logo de deixar sobre a mesa o asunto, o próximo día 26 haberá unha Xunta de Voceiros para tratar o tema”, sinala Pauliño del Río.

Segundo CABE, este concurso público suporá un maior gasto para o concello de Gondomar. Un incremento de arredor do 20% sobre o prezo actual (pasa de 960.000€ a 1.130.000€ anual, no 1º ano).

“Na documentación preparatoria dos pregos establécese que non existe revisión de prezos, polo que o prezo do contrato quedará determinado no acordo de adxudicación e manterase inalterado durante o período de duración dos servizos obxecto da presente licitación. Non é certo”, asegura del Río. “Aínda que se nos dixo que o prezo do contrato é fixo, en realidade non o é. Haberá unha revisión de prezos anual a realizar ao contratista. A través do índice corrector K”.

Dise no prego de condicións técnicas na páxina 47 “A revisión de prezo anual á que terá dereito o contratista” ou na páxina 46 “o presente contrato, no seu aspecto económico e de revisión de prezos, verase afectado por unha K”.

Segundo indica CABE, aínda que o prezo de licitación son 774.950,69€/ano, o prezo variará anualmente (podéndose incrementar nun 5% ou reducirse nun 2%) polo que haberá que provisionar (reservar) nos orzamentos as seguintes cantidades: 813.698,22 € (2018), 854.383,13€ (2019), 897.102,29€ (2020), 941.957,40€ (2021), 989.055,27€ (2022).
“Isto supón que en só tres anos o que lles vai custar aos veciños e veciñas de Gondomar a recollida de lixo subirá 239.000€ sobre o prezo de licitación, iso sen contar os dous anos de prórroga onde nos iriamos a un incremento do gasto sobre o prezo de licitación de 640.000€, chegando o custe do servizo no último ano de contrato aos 989.055,27€”, afirma del Río.

A estas cifras hai que sumarlle o custe do canon de SOGAMA que asumiría e pagaría o concello, na actualidade ao redor de 360.000€ por anualidade. (En 6 anos de contrato 2.160.000€). Sen contar cos posibles incrementos do canon futuros.

Se sumamos o custe do contrato nos 6 anos que son 5 millóns (5.271.147€ ) e o custe a pagar a SOGAMA nese mesmo período que son 2 millóns (2.160.000€) dá unha cifra total de máis de 7 millóns de euros (7.431.147€)

Se temos en conta que o orzamento de Gondomar é de 7 millóns (7.071.728,00), suporá que irán destinados a pagar o lixo 1,65€ de cada 7€ que gaste o concello anualmente, é dicir o 25% do gasto total do orzamento municipal, “un autentico disparate”, asegura o voceiro de CABE. Iso no primeiro ano de contrato.

“Nos 6 anos de contrato teremos que destinar 1 orzamento completo ao pago do lixo. Un orzamento de cada 6 destinado integramente ao pago do lixo. Cal vai ser a repercusión para a cidadanía? Menos mal que o Sr. Ferreira sempre asegurou que cando el regularizara a Recollida do lixo ía ser máis barato”.

Ademais, del Río asegura que os pregos non garanten o problema das baixas temerarias, é dicir, as empresas poderán licitar á baixa para coller o contrato, o que dará lugar a un peor servizo e á precariedade laboral dos traballadores. Non se establecen nos pregos as condicións mínimas de calidade no servizo, que queda a expensas das empresas licitadoras. Non se garanten as condicións laborais dos traballadores, nin o seu posto de traballo. “A empresa adxudicataria logo de subrogar aos traballadores, poderá despedilos con só comunicarllo ao concello e contratar outros, que serán temporais”.

“Con esta proposta o goberno municipal non recupera para o espazo público este servizo senón que se insiste na privatización do mesmo, en darllo a unha empresa privada, que terá que sacar beneficios, a costa do servizo e os cartos da cidadanía”, insiste del Río.

“O Grupo Municipal Gondomar Concello Aberto apostou e aposta pola municipalización do servizo, por un mantemento dos postos de traballo (é falso que non se garantan coa municipalización) e para que as plusvalías que se irían para a empresa adxudicataria repercutan no común, na veciñanza. Exemplos de municipalización de servizos públicos hainos dabondo dende Baiona, León, Cádiz, Madrid, Santiago, Ferrol, Coruña ou Barcelona”.

O Grupo Municipal de Gondomar Concello Aberto foi o único grupo municipal que apostou no debate plenario pola municipalización do servizo e anunciou que votará en contra desta nova privatización. “Unha nova oportunidade de cambiar a mellor, que se perde Gondomar”, conclúe o seu voceiro.

Anuncios