A frota do Trofeo Conde de Gondomar dá espectáculo nas Rías Baixas

FOTO: ROSANA CALVO // Saída da proba dos grandes barcos.

A frota do Trofeo Conde de Gondomar deu este luns un gran espectáculo nas Rías Baixas na segunda e penúltima xornada de probas da competición organizada polo Monte Real Club de Yates co patrocinio de Banco Sabadell.

Ás doce do mediodía, puntual segundo o previsto, o comité de regata deu saída á manga que se disputaron os barcos máis grandes, un percorrido de case 32 millas circunnavegando as Illas Cíes e Ons. O vento do noroeste aliouse cos veleiros e empuxounos rumbo ao faro de Camouco cunha intensidade que subiu dos 7 nós iniciais aos 18 cos que se mantivo en practicamente todo o percorrido, alcanzando mesmo puntas de 24.

Foi unha das edicións máis rápidas que se lembran desta proba. Na clase Storax ORC 0-1, o Solventis, de Malalo Bermúdez de Castro, foi o primeiro en completar o percorrido, en catro horas e quince minutos. Por detrás del entraron, separados apenas por uns poucos segundos, o Aceites Abril, de Luis e Jorge Pérez Canal; e o Pairo 8, de Luis Bugallo, vencedor da etapa. Unha vez compensados os tempos e sumados os puntos das probas de onte e hoxe, o podio provisional ocúpano o Aceites Abril, o Pairo 8 e o Siradella; que van primeiro, segundo e terceiro respectivamente.

Na clase PSA Retail 2-3, o Grupo Santorum & Martínez foi o gañador da xornada de hoxe, pero tras a compensación de tempos non puido coarse entre as tres primeiras posicións da xeral, que ocupan o Unus de Luis María García Trigo, o Fend la Bise de Jean Claud Sarrade e o Inosa de Cándido Losada.

Para os barcos máis pequenos, o comité de regata deseñou un percorrido menor, de algo máis de 25 millas, saíndo de Baiona, percorrendo a ría de Vigo, virando a baliza do Lousal e finalizando fronte á illa sur de Cíes.

Na clase Coca Cola ORC 4, o Balea Dous, capitaneado por Luis María Pérez, segue sendo o protagonista indiscutible, con dúas vitorias nas dúas probas disputadas ata o momento. Non houbo cambios tampouco na segunda e terceira posición, que manteñen desde o primeiro día o Abal Avogados/Lagar de Pintos/Fanautic de Mariano Dios e o Margem do Azul III de Santiago Gómez.

Na clase J80 Rías Baixas, o vencedor en tempo real da proba celebrada este luns foi o Okofen de Javier de la Gándara, que logrou sacarse a espiña por non gañar onte e colócase xa líder da xeral. O Virazón de Willy Caamaño, gañador da primeira regata do trofeo, entrou hoxe de terceiro e cae ata a segunda posición da táboa. No terceiro caixón do podio provisional mantense o Namasté de Luis de Mira.

Na clase Fígaro Martin Miller, o Bouvento de Ricardo Acevedo consolida o seu liderado na clasificación xeral tras repetir a vitoria que xa lograse na primeira xornada. O segundo posto é para unha tripulación enteiramente feminina, liderada pola vicecomodo do Monte Real, Genoveva Pereiro, e tripulada por alumnas da Escola de Vela do club baionés. En terceira posición, empatado a puntos co segundo, cóase no podio provisional o Serralleiras de Ramón Palao.

Todos estes movementos nas clasificacións auguran un final moi emocionante para a cuadraxésimo segunda edición do Conde de Gondomar – Trofeo Banco Sabadell, que se celebra estes días nas Rías Baixas. Unha competición que, ademais das probas deportivas, inclúe diversos actos sociais no Monte Real Club de Yates, como a degustación de gintonics de Martin Miller e Royal Bliss ou a cea mariñeira para os regatistas que se celebraron este luns tras a regata.

Mañá martes as tripulacións medirán as súas forzas nas últimas probas do trofeo, dúas mangas técnicas, con percorridos barlovento sotavento, nas que poñer a proba a eficacia das súas tácticas, así como a axilidade e mestría dos seus patróns e regatistas nas diferentes manobras. As regatas darán comezo ao mediodía e ás seis da tarde celebrarase a entrega de premios aos gañadores.

CLASIFICACIÓN XERAL TRAS A SEGUNDA XORNADA

CLASE STORAX ORC 0-1

1. ACEITES ABRIL • LUIS E JORGE PÉREZ CANAL • RCN VIGO
2. SIRADELLA • FRANCISCO GUDE • CN PORTOSÍN
3. PAIRO 8 • LUIS BUGALLO • RCN VIGO

CLASE PSA RETAIL ORC 2-3

1. UNUS • LUIS M. GARÍCA TRIGO • MRCYB
2. FEND LA BISE • JEAN CLAUDE SARRADE • MRCYB
3. INOSA • CÁNDIDO LOSADA • MARINA DE SADA

CLASE COCA COLA ORC 4

1. BALEA DOUS • LUIS MARÍA PÉREZ • RCN RODEIRA
2. ABAL ABOGADOS/LAGAR DE PINTOS/FANAUTIC • MARIANO DIOS • MRCYB
3. MARGEM DO AZUL III • SANTIAGO GÓMEZ • MRCYB

CLASE J80 RÍAS BAIXAS

1. OKOFEN • JAVIER DE LA GÁNDARA • MRCYB
2. VIRAZÓN • GUILLERMO CAAMAÑO • MRCYB
3. NAMASTÉ • LUIS DE MIRA • MRCYB

CLASE FÍGARO MARTIN MILLER

1. BOUVENTO • RICARDO ACEVEDO • MRCYB
2. ERIZANA • GENOVEVA PEREIRO • MRCYB
3. SERRALLEIRAS • RAMÓN PALAO • MRCYB

 

Anuncios