O festival Solpor congregou a centos de persoas en Monteferro

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // San Rockers no Solpor Monteferro.

O festival “Solpor” (palabra galega para determinar a posta de sol), nova proposta do Concello de Nigrán para gozar dos mellores grupos locais ao aire libre e nunha contorna privilexiada, congregou na súa primeira edición a centos de espectadores no cume de Monteferro.

Os asistentes puideron gozar neste enclave único fronte ás Illas Estelas, entre as caricias da brisa mariña e os aromas de sal e monte, dos concertos gratuítos de Bliusvai, Blue Monk, Dous, San Rockers e Moon Cresta, todos eles con fondas raíces en Nigrán, e que fixeron que a maxia do atardecer tomase unha nova dimensión no miradoiro de Monteferro.

O Concello de Nigrán, que contou coa colaboración da Deputación de Pontevedra a través do Plan Concellos 2017, quere con este evento promocionar e poñer en valor un espazo tan espectacular como Monteferro á vez que ofrece aos grupos locais unha oportunidade de promocionar o seu traballo no mellor dos escenarios posibles. “Desde o goberno apostamos por concertos ao aire libre en lugares de indubidable encanto, como xa é o Nigranjazz na Foz ou como será Vive Nigrán en Praia América. Os ‘Atardeceres’ veñen para quedar no noso calendario estival. En cada edición desfilarán grupos distintos da nosa localidade porque é noso deber apoialos e porque somos coñecedores da súa valía”, afirma Juan González, alcalde de Nigrán.

El pase de diapositivas requiere JavaScript.

Anuncios