Gondomar lanza unha campaña para conseguir financiar a viaxe a China do Club de Patinaxe

FOTO: REAL FEDERACIÓN ESPAÑOLA DE PATINAXE

O Concello de Gondomar, a través da Concellería de Deportes, iniciou unha campaña para conseguir 100 patrocinadores (persoas físicas ou xurídicas) que colaboren e contribúan a cofinanciar a viaxe a China do CPA Gondomar. Con esta iniciativa preténdese que 100 entidades, empresas ou persoas axuden ao club para sufragar os 25.000 € necesarios para acudir ao Campionato do Mundo de Grupos Show.

A pretensión da campaña, segundo indicou o alcalde, Paco Ferreira, é recadar a cantidade de polo menos 10.000 €, nun mes e a través das achegas que poden realizarse no número de conta 14650290881900260422 que o CPA Gondomar ten aberta en ING. No primeiro día da campaña recadáronse máis de 2.000 €.

O Club de Patinaxe Artística de Gondomar logrou o terceiro posto na clasificación do Campionato de España celebrado en Cataluña o pasado mes de marzo co seu espectáculo “Alma Torera”, alcanzado así o pase directo para o Campionato do Mundo de Patinaxe Artística de Grupos Show Pequenos que se celebrará en Nanjing (China) o próximo mes de setembro. Para poder levar o seu espectáculo ao continente asiático e cumprir así o seu soño, o equipo necesita reunir un total de 25.000 € co que custear os gastos derivados da viaxe.

As dez patinadoras, que teñen entre 15 e 28 anos, puxeron en marcha unha campaña para a venda de pulseiras e mochilas, ademais de organizar o pasado 24 de xuño unha gala solidaria, que lles permita recadar fondos.