Rosalía Martínez, Sandra Trigo e Nacho Salgueiro gañan a Liga Social Baitra do Monte Real

As baionesas Rosalía Martínez e Sandra Trigo levaron esta tarde a vitoria da Liga Social Baitra, unha competición organizada polo Monte Real Club de Yates co patrocinio de Baitra Accesorios Navales que viviu este domingo a súa última xornada de probas.

Martínez e Trigo, de 15 e 16 anos, sentenciaron a liga asinando dous primeiros postos nas dúas últimas probas disputadas na baía. Unha puntuación que, sumada á obtida noutras probas celebradas ao longo de todo o ano, converteunas nas indiscutibles vencedoras.

Despois de dous anos competindo xuntas en 420, e cunha compenetración cada vez maior, as novísimas regatistas empezan a escalar posicións nos podios. Tras lograr, o pasado mes de maio, o bronce na categoría sub-17 do Trofeo Baitra de Vela Infantil, levan agora o ouro da Liga Social. A prata e o bronce foron, respectivamente, para as tripulacións formadas polos irmáns Yago e Jorge González; e Elena Molares e Emma Arana.

Na clase Optimist, o novísimo Nacho Salgueiro, de apenas 12 anos, púxolle o broche de ouro a unha tempada de regatas infestada de primeiros postos logrando a vitoria da Liga Social. Fíxoo sen defraudar, cruzando primeiro a liña de chegada nas dúas últimas mangas da competición, celebradas esta mañá en Baiona.

Recibiu o seu galardón de mans de Juan Carlos González, xerente de Baitra e patrocinador da Liga Social, que participou na entrega de premios xunto coa concelleira de Baiona, Carmen Paredes; e o presidente e vicecomodoro do Monte Real, José Luis Álvarez e Genoveva Pereiro. En segunda e terceira posición da clase Optimist quedaron Laura Cao e Yago Marquina.

Tamén saíron á auga este fin de semana na baía un grupo de alumnos de Optimist Escola que competían por vez primeira nunha proba oficial. O comité de regatas preparou para eles un campo especial no que disputaron cinco probas. Tras asinar tres primeiros postos e dous terceiros, resultou vencedor Sergio Golpe, que deixou o segundo e terceiro posto para Pablo Rodríguez e David Represa. Completaron a frota dos máis pequenos dous barcos Omega do Monte Real Club de Yates, nos que saíron a navegar un grupo de alumnos da Escola de Vela.

Coa final da Liga Social Baitra, a Escola de Vela do Monte Real dá por clausurada a súa tempada 2016-2017, e dá paso á programación estival do club, que inclúe diversas actividades tanto para alumnos da escola e socios do club, como para calquera outra persoa que queira gozar do mar nos meses de verán. Aos habituais cursos de vela lixeira e ver cruceiro, súmanse propostas de lecer como escapadas ás Illas Cíes desde Baiona, coas que pasar todo un día navegando; e seráns en veleiro, coas que gozar da posta de sol a bordo dun dos barcos do club.

CLASIFICACIÓN FINAL LIGA SOCIAL BAITRA

420
1. Sandra Trigo y Rosalía Martínez
2. Yago González y Jorge González
3. Elena Molares y Emma Arana

OPTIMIST
1. Nacho Salgueiro
2. Laura Cao
3. Yago Marquina

ESCOLA
1. Sergio Golpe
2. Pablo Rodríguez
3. David Represa