O Pleno de Gondomar aproba por unanimidade a delimitación de núcleos

FOTO: CONCELLO DE GONDOMAR

O mércores se celebrou o Plenos Extraordinario convocada pola oposición para tratar a delimitación dos núcleos rurais de Prado e San Roque da Entidade Local Menor de Morgadáns e de Penalba en Mañufe, así como aprobar en debida forma o núcleo de Campo Grande, en Morgadáns, aprobado xa no Pleno de 26 de xaneiro de 2017.

“Mentres o goberno municipal (PSOE e MM) seguen enredados na súa lea interna e se acusan mutuamente da perda de subvencións (que non só afecta a mellora da Praza de Abastos, hai pouco perderon outra subvención, esta concedida, por valor de 70.000€, da mellora dun camiño en Cernadas, Vincios), Gondomar Concello Aberto traballa dende a oposición, non lle quedou outra, para solucionar os problemas da veciñanza, neste caso da problemática urbanística que dende hai 12 anos, dende a anulación do PXOM do 97 padecemos todos e todas en Gondomar”, afirma Pauliño del Río.

Segundo indica nun comunicado, CABE instou a convocatoria deste Pleno extraordinario por responsabilidade e coherencia, no convencemento que só dende o dialogo, a participación, a transparencia e a legalidade se pode lograr o consenso de todos os grupos políticos nun tema tan estratéxico e fundamental como é o urbanismo e o PXOM dun concello.

NÚCLEOS DE PRADO, SAN ROQUE /MORGADÁNS E PENALBA (MAÑUFE)

“De enorme gravidade pareceunos o comportamento do grupo de Goberno no Pleno ordinario de 1 de xuño ao empecinarse, conculcando a normativa, de non someter a votación a proposta de deixalos sobre a mesa para poder estudalos co rigor que require un instrumento de planeamento urbanístico e máxime en Gondomar”, sinala del Río.

A pesares da actitude irresponsable do goberno municipal, CABE procedeu a falar con grupos da oposición, pediu a documentación pertinente e solicitou xunto co resto da oposición a celebración dun Pleno Extraordinario. “A solución, aínda que parcial, á problemática urbanística así o requiría”.

“Demostrando coa nosa acción que lonxe de querer amolar ao goberno ou utilizar o urbanismo como arma política Gondomar Concello Aberto quería unha solución ditada dende a sensatez, o acordo e a legalidade”, asegura o voceiro de CABE.

NÚCLEO DE CAMPO GRANDE/ MORGADÁNS

Houbo que levar de novo este núcleo a pleno, esta vez a proposta da oposición porque na aprobación feita polo goberno municipal, en xaneiro e por urxencia, o concelleiro de Urbanismo furtou información ao pleno cando dixo na sesión plenaria que o informe de Augas de Galiza acababa de chegar e que era “favorable, ningún problema” cando a realidade é que estaba condicionado a unha serie de modificacións, que non se levaron a Pleno.

Nin tan sequera se informou aos grupos que votaron a prol desa delimitación de núcleo. “O que fixo o goberno foi enviar de forma unilateral o modificado á Xunta de Galicia, sen ser o órgano competente para aprobar esta modificación”.

A Xunta remitiu un escrito indicando que estas modificacións deberían ser aprobadas polo Pleno. “O resultado desta práctica de facer urbanismo por parte do Sr.Arauxo é que se van perder nove meses na aprobación definitiva deste núcleo, case un ano”.

“A prexudicada foi a veciñanza que vai ter que esperar a ver resoltos os seus problemas, dende licenzas de primeira ocupación, ata expedientes de reposición da legalidade, mesmo execución de sentenzas xa ditadas polos xulgados. Era necesario este xeito de proceder por parte do goberno? A quen beneficiou? Dende logo aos veciños e veciñas non”, pregúntase del Río.

“O Grupo municipal de Gondomar Concello Aberto actuou con seriedade e responsabilidade, sen excluír a ninguén na busca dunha solución aos problemas do urbanismo en Gondomar. O resultado deste proceder a vista está: no Pleno aprobáronse por unanimidade as 4 propostas de delimitación de núcleos e conseguiuse que a Comisión de Seguimento do PXOM se puxera de novo en marcha, logo de máis de medio ano sen convocar”.

“A solución definitiva aos problemas urbanísticos de Gondomar pasa pola elaboración dun novo PXOM do que, dende a aprobación da nova LOUGA que obrigaba a empezar de cero, nada sabemos. E do que esperamos que non se nos exclúa. O resultado da coherencia, do dialogo, da transparencia e da legalidade é que os primeiros instrumentos de planeamento urbanísticos que se aproban por unanimidade na Corporación Municipal de Gondomar en décadas foron promovidos dende a oposición a instancia de CABE”, conclúe del Río.

Anuncios