Os socialistas de Gondomar achacan a perda de subvencións á “inoperancia e deixamento” de Araúxo

FOTO: CONCELLO DE GONDOMAR

Os socialistas de Gondomar lamentan a deslealdade dos seus socios de goberno ao acusar o alcalde Paco Ferreira da perda dunha subvención para a Praza de Abastos. Non deixan de sorprenderse do concelleiro encargado da área de Comercio e responsable de tramitar tal subvención, Xosé Antón Araúxo, “que lonxe de asumir a súa inoperancia e deixamento no goberno, pretende facer responsable de tal perda de diñeiro ao rexedor achacándolle a culpa por paralizar «in extremis» a licitación irregular que devandito concelleiro pretendía impoñer aos praceiros”, sinalan desde o PSOE.

“O Sr. Araúxo deberá explicar ante a cidadanía o por que non tramitou a subvención de 40.000€ para a reforma da Praza de Abastos, como tamén o deixou de facer o anterior concelleiro de Comercio Josué Villar (CABE). Dita subvención era factible e reunía todos os requisitos legais para a súa concesión. E esa é a vía xustamente para que Gondomar algún día poida ser Mercado de Excelencia, tal e como detalladamente indicamos a continuación”, engaden os socialistas.

A Orde 12 de abril de 2017 (DOG 81 do 27/4/17), concede Subvencións aos concellos galegos para prazas de abastos e mercados. Son actuacións para conseguir ou consolidar o selo excelencia, entón danse dous tipos de actuacións: 1. Para os mercados con selo de excelencia e 2. Para mercados que non teñan selo de excelencia (caso de Gondomar).

Gondomar só optaría por tanto á liña 2., mercados sen selo de excelencia: «trátase de ir mellorando os mercados para que poidan lograr obter o selo de excelencia de acordo coa Orde de 4/1/17 onde se recollen as condicións para lograr tal selo (DOG 13 do 19/01/17)».

Dentro deste punto 2, hai dúas fases excluíntes entre elas: Fase1: Para mercados que precisen facer actuacións no estado físico do edificio: arranxo de elementos estruturais, cuberta, fachada, chan antiesvaradizo, iluminación con eficiencia enerxética, etc. Neste caso a subvención sería do 30% ata un máximo de 20.000 euros.

Fase 2: Para mercados que xa fixeron as actuacións subvecnionables na fase 1 e que subvenciona: adaptación de baños, instalación de consignas, punto de información ao cliente, interiorismo. Implantación de redes sociais para a venda etc. (subvencionable o 50% ata un máximo de 40.000 euros).

Os concellos que pidan subvención para a fase 1 non poderán pedila para a fase 2 (Gondomar pode elixir porque no 2015 optou a unha subvención da fase 1).

“É dicir, a subvención podíase pedir independentemente de que a Praza de Abastos sexa excelente ou non, e nada ten que ver a paralización da licitación dos postos de venda”, conclúen os socialistas.

Anuncios