Sin categoría

Mañufe bendí o seu recentemente reconstruído “Cruceiro do Acordo”

Numerosos veciños da parroquia gondomareña de Mañufe acompañaron este domingo ao párroco, Juan José González, na bendición do recentemente reconstruído “Cruceiro do Acordo”. Ao acto tampouco faltou o alcalde, Paco Ferreira, e os concelleiros Nuria Lameiro, Iria Lamas e José Manuel Chamorro.

O Cruceiro de Mañufe volveu o pasado venres 19 de maio ao seu emprazamento tras case dous anos e un laborioso traballo de restauración despois de sufrir o impacto dun vehículo o 22 de novembro de 2015. O capitel, moi labrado, e a cruz de sección cuadrangular cunha talla de Cristo no anverso, de gran tamaño, e unha talla da Dolorosa no reverso, resultaron danados tras caer ao asfalto.

O pasado mes de febreiro, o Concello de Gondomar encargou os traballos de reconstrución ao conservador-resturador Gonzalo Buceta, cun custo de 11.000 euros, asumidos polo seguro do condutor responsable das desfeitas.

O cruceiro atópase no lugar da Texosa, no cruzamento coa estrada PO-552, que une Gondomar e A Ramallosa, sobre unha base cúbica que serve de sustento a un peto de ánimas, de caste semiaberta, encostado ao cruceiro, e que xa fora restaurado tras ser derrubado noutro accidente de tráfico. O seu retablo é de pedra policromada, unha reixa de ferro protexía as figuras (a representación do Purgatorio cubría toda a fornela) e o caixón das esmolas. En dúas filas preséntanse dúas almiñas na superior e tres na inferior. Nun medallón existente arriba do fornelo pódese ler: “Hermano que vas pasando mira que penando estamos, para alivio nuestro vuestra limosna esperamos”. O fuste ten unha serpe e unha mazá, en alusión ao pecado orixinal. Capitel moi labrado. A cruz é de sección cuadrangular.

O cruceiro sitúase no lugar onde os representantes comarcais facían os tratos veciñais e resolvíanse os conflitos derivados dos lindes de propiedades entre os séculos XVI e XVIII, de aí o seu nome. Forma parte do Camiño Real, cara a Compostela, por Gondomar.