Anuncios
Ticker de novas

Charla sobre os efectos do sol na pel en Baiona

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ

O Auditorio da Casa-Museo da Navegación acollerá este venres, 26 de maio, ás 19:30 horas, unha nova charla do II Ciclo de Conferencias sobre Saúde e Benestar organizado polo Concello de Baiona.

Co título “O sol e os seus efectos na pel. Prevención consciente”, o doutor Gerardo Miniño falará dos riscos que supón tomar o sol de maneira abusiva e sen ningunha prevención nin control. “Inmersos nunha sociedade na que o culto ao corpo e a estética son un dos condicionantes para unha aceptación social do éxito, é preciso asentar as recomendacións conscientes de que un aspecto san debe estar vinculado, por necesidade, ao coidado do noso corpo e, por extensión, da nosa mente”, destaca Miniño.

Trátase da quinta conferencia dun ciclo que foi aberto en xaneiro polo naturópata vigués Javier Akerman no Parador de Turismo Conde de Gondomar. En febreiro foi a nutricionista Gloria Pérez quen falou, xa no Museo da Navegación, sobre “A medicina do amor para alcanzar o benestar” e, en marzo, o enfermeiro e fisioterapeuta Moisés López charlou sobre “Exercicio e Saúde. Vinculados con sentido común”. O pasado mes de abril e co título “Reeduca os teus sentidos, consegue os teus obxectivos”, María Jesús Alfonso (coach, psicoterapeuta e experta en programación neurolingüística) presentou as estratexias para afrontar o día a día.

A derradeira conferencia do II Ciclo de Conferencias sobre Saúde e Benestar, tamén a celebrar no Auditorio do Museo da Navegación con entrada libre, será o 16 de xuño e estará cargo de Roberto López, alpinista e coach deportivo, quen falará de “Que debes facer para alcanzar os teus retos”.

Anuncios