27 patrullas do Exército vixiarán os montes galegos para disuadir e reducir a actividade incendiaria

O Consello da Xunta autorizou esta mañá a sinatura do convenio de colaboración entre a Consellería do Medio Rural e o Ministerio de Defensa para reforzar a vixilancia nos montes galegos, co obxectivo de disuadir e reducir a actividade incendiaria mediante a incorporación de 27 patrullas terrestres e dous equipos de mantemento móbil do Exército.

Desta forma, increméntase o número de efectivos nos montes galegos con respecto ao ano anterior, pasando de 25 patrullas a 27, que estarán formadas por militares sobre vehículo. O obxectivo principal desta acción conxunta é reforzar a vixilancia e identificación dos potenciais axentes causantes dos lumes forestais, ao tempo que se busca que a propia presenza de medios militares no monte os disuada deste tipo de prácticas delituosas.

A Consellería financiará o importe dos gastos que se produzan con motivo desta colaboración. O orzamento previsto para o recoñecemento, despregamento, actividade operativa e remudas da unidade das Forzas Armadas ascende a un total de 569.419,10 euros euros.

Pola súa parte, o Ministerio de Defensa levará a cabo os despregamentos operativos de patrullas terrestres -neste caso un total de 27- durante a campaña de alto risco de incendios forestais en Galicia. Este despregamento poderá ser superior se aumenta o esforzo por situacións de risco alto ou moi alto, chegando ás 75 patrullas e 2 helicópteros de vixilancia se o nivel de risco é moi alto.

Todo este persoal se sumará ao dispositivo de loita contra incendios, baixo o mando único da Xunta, que na tempada de alto risco acada os 7.000 efectivos despregados nos montes galegos. Desta forma mellórase tamén a seguridade das persoas e os bens, así como a riqueza forestal de Galicia.