A Praza de Abastos de Baiona acolle a exposición dos traballos do certame de fotografía “Viaxando”

FOTO: CONCELLO DE BAIONA // Exposición dos traballos do certame Viaxando.

A Concellería de Xuventude do Concello de Baiona informa de que xa se pode visitar na Praza de Abastos de Baiona, e ata o vindeiro 5 de maio, a exposición dos traballos presentados no X Certame de Fotografía Viaxando.

“Viaxando” é un certame de fotografía anual, no cal pode participar a mocidade de entre 16 e 35 anos, presentando as instantáneas tomadas durante unha viaxe ou nas vacacións de verán, e que está organizado polas OMIX (Oficina Municipal de Información Xuvenil) de Baiona, Gondomar, O Porriño, O Rosal, Tomiño, Salceda de Caselas, A Guarda e o Espazo Xove de Tui.

Non é a primeira vez que as prazas de abastos de Baiona convértense no mellor escenario para aprender diversos contidos, amosando a súa polivalencia máis alá de ser espazos comerciais para converterse no lugar idóneo para recursos educativos, de ocio ou formativos en temas tan importantes como a cultura ou a alimentación.

Durante o pasado ano, e no que vai deste 2017, as prazas de abastos de Baiona foron o destino de máis de 1.000 escolares de toda a comunidade autónoma. Entre as visitas celebrouse o programa da Consellería do Mar, baixo o lema «O sabor da aventura está no mar», que permitiu achegar ás xeracións máis novas información sobre os produtos da terra, verdadeiros activos da economía e, sobre todo, garantía dunha boa alimentación.

Variados produtos do mar expóñense día a día nas nosas prazas competindo entre si coas mellores calidades. Pescados, carnes ou produtos da horta cultivados co bo facer das xentes do campo que recuperan a tradición, alimentos ecolóxicos cada vez máis presentes na nosa dieta. Aprendizaxe «in situ» cos mellores expertos que descobren aos pequenos a realidade e calidade dos nosos pratos.