O grupo Galicia en Danza de Baiona alzouse co premio Vigo Porté 2107 da Categoría Júnior no 6º Trofeo de Baile Cidade de Vigo, que se celebrou este fin de semana no Auditorio Mar de Vigo dentro do evento nacional de disciplinas de baile Vigo Porté.
A coreografía gañadora foi «Resolve», de danza contemporánea e executada por Laura Hermida Costas, aínda que a escola baionesa competía con outros 52 espectáculos. Cabe sinalar que é a primeira vez que gaña un grupo que non recibe ningún premio dentro da súa disciplina.
O premio Vigo Porté outórgao o presidente do Xurado, Javier Castillo «Poty», referencia nacional a nivel coreográfico, bailarín e presentador de TV, ademais de ser o coreógrafo dos principais eventos televisivos de baile en USA, quen valorou que o número era merecedor da devandita distinción.
O Trofeo de Baile Cidade de Vigo nace como concurso dentro do evento internacional de baile Vigo Porté celebrado no Palacio de Congresos Mar de Vigo desde o ano 2012. É unha competición de carácter aberto a todas as nacionalidades, culturas e países; así como a calquera tipo de disciplina de baile. O obxectivo deste certame, é atopar a mellor coreografía de baile tendo en conta distintos aspectos como son: Presenza Escénica, Técnica e Estilo, Tempo Música e Creatividade Musical. Dá igual a disciplina de baile (moderno, latino, clásico, contemporáneo, urbano, etc.), elíxese a mellor posta en escena.
Para esta sexta edición, os membros do xurado presidido por «Poty» foron Kiko López, Alicia Aroca, Juan Polo, David Campos, Lorena Bargalló e Juan Barberá.




