
Ocupación hostaleira superior ao 90 por cento, aparcadoiros cheos e establecementos hostaleiros abarrotados ata última hora. Baiona viviu outro inicio de mes de máxima ocupación. O primeiro fin de semana de marzo foi grazas á Festa da Arribada; o primeiro de abril, co Media Maratón Vig-Bay e a bonanza meteorolóxica.
Baiona converteuse este domingo no destino de miles de persoas que chegaron atraídas pola carreira de fondo e polo bo tempo. A proba entrou na Vila coordinada polos responsables da Policía Local desde o posto de mando avanzado da Axencia Galega de Emerxencias (Axega), instalado no Porto Pesqueiro do mesmo xeito que na Arribada, e non houbo que lamentar ningún tipo de incidente.
“Baiona demostrou unha vez máis que sempre está á altura das circunstancias neste tipo de eventos e que estamos preparados para acoller a Copa do Mundo das Nacións”, afirmou o alcalde, Ángel Rodal, en referencia á proba de trial que se celebrará no Monte Boi o próximo mes de setembro.
A xa tradicional carreira que se celebra entre Vigo e Baiona atraeu a miles de visitantes, tanto participantes como familiares, e os hoteis da Vila roldaron unha ocupación do 92 por cento. Tamén os dous principais aparcadoiros, os da Palma e Aral, estiveron ao completo durante todo o domingo e os establecementos hostaleiros, especialmente no paseo de Elduayen, rexistraron unha gran afluencia ata última hora do día, a pesar de que en Vigo tamén se celebraban importantes eventos como A Reconquista e o Salón do Automóbil.
Preámbulo da Semana Santa
“Foi un día perfecto e unha festa do deporte. A organización funcionou á perfección e non houbo que lamentar ningún incidente grave”, sinala a concelleira de Deportes, María Jesús Martíns. Desde o posto de mando coordinouse a evacuación de dous participantes, pero por fortuna ningún deles con doenzas graves.
O fin de semana converteuse no preámbulo dunha Semana Santa que xa rexistra unhas previsións de ocupación altas. Segundo datos facilitados este luns polos hostaleiros á Oficina de Turismo de Baiona, as reservas a día de hoxe roldan o 69 por cento.
“E aínda é pronto, porque os nosos visitantes adoitan esperar aos últimos días para pechar as súas viaxes en función das previsións meteorolóxicas”, apunta Beatriz González, concelleira de Turismo.