Anuncios
Ticker de novas

Gondomar Concello Aberto levará a pleno a suspensión de actividades de Espazo Lectura

FOTO: ESPAZO LECTURA

“O anuncio, de data 27 de abril de 2017, da asociación Espazo Lectura de suspender todas as súas actividades infantís na biblioteca municipal de Gondomar de xeito indefinido como consecuencia da falta de entendemento co goberno municipal, é unha mostra máis da falla de sensibilidade cara a participación cidadán do goberno municipal”, sinala Pauliño del Río, Voceiro do Grupo Municipal de Gondomar Concello Aberto. “A decisión, -engade- cualificada como dolorosa, pola propia asociación Espazo Lectura, é unha das novas máis tristes que a vida cultural, educativa e social do noso concello ten soportado nos últimos anos”.

“Despois de once anos de traballo desinteresado a prol do fomento da lectura e despois de lograr ser un referente neste ámbito en todo o país e de contribuír ao rescate dun espazo público como era a biblioteca municipal de Gondomar, infravalorada e infradotada, e que adquiriu un valor singular non so para as nenas e nenos que nela aprenderon o valor e o significado dos libros, senón un espazo lúdico onde adquiriron hábitos de convivencia e socialización e que marcaron un vieiro de lecer e coñecemento para os centos que por ela transitaron, facendo da Biblioteca Municipal de Gondomar un punto de encontro e unha peza central da vida cultural e educativa do noso concello. Que agora todo isto desapareza prodúcenos dor e consternación”.

Hai que recordar, para saber de onde partimos e onde estamos, cal era o estado da biblioteca municipal no ano 2006, cando comezou a súa andaina Espazo Lectura, cunha situación caótica, non se facía rexistro de préstamos de libros, abría so 3 horas en horario de tarde e carecía practicamente de usuarios. Agora é un espazo de dinamización da cultura e da educación do concello.

“Que a suspensión das actividades infantís de xeito indefinido se produza por falla de dialogo e colaboración do Sr. Alcalde e a súa equipa de Goberno, e do seu prepotente xeito de proceder, desgraciadamente xa a ninguén sorprende”, asegura del Río.

O concelleiro de CABE sinala que as medidas tomadas de xeito unilateral polo Sr. Alcalde e concelleira responsable so se entenden cando se adoptan dende a ignorancia máis absoluta do que significa o traballo de Espazo Lectura e dende o ninguneo do cometido e compromiso das voluntarias e voluntarios que fixeron de Gondomar e a súa biblioteca un cerne de ilusión na lectura e das actividades ao redor dos libros. Actitude que delata realmente que fai este goberno e en que dirección vai, que non é precisamente o fomento do asociacionismo e a colaboración coas entidades veciñais, sociais, educativas ou culturais, neste caso Espazo Lectura, asociación coñecida e recoñecida por toda Galicia polo seu traballo. “Deberiamos enorgullecernos da súa existencia e non pórlle atrancos na realización da súa actividade”.

O dialogo, a reflexión, a empatía son valores que deberiamos fomentar e practicar, máxime en política. Intercambiar opinións, razoar sobre distintos puntos de vista e tentar chegar a un entendemento, a un acordo xusto e motivado debería de ser un principio da acción de goberno.

Así mesmo, del Río afirma que a reacción do Alcalde ante o cese das actividades son un reflexo de como entende a súa acción de goberno, ante un problema e a man tendida responde cun ataque e acusando a espazo Lectura de mentir. “Maior dislate imposible”.

O voceiro de CABE critica que a acción do goberno limitouse a unhas obras meramente estéticas que non solucionaron a problemática de fondo da biblioteca municipal e crearon outros problemas que non existían. “Velaiquí a acción do goberno: uns que non se enteran, outros que non se queren enterar”.

Ante a suspensións das actividades infantís na Biblioteca Municipal de Gondomar, unha perda que non podemos asumir nin como nais e pais nin como colectividade e que ademais non queremos nin debemos consentir e polo que o Grupo Municipal de Gondomar Concello Aberto levará unha Moción ao próximo pleno do mes de abril, a celebrar o próximo xoves 6, onde se solicitara a aprobación do seguintes acordo:

Primeiro.- O Pleno da Corporación Municipal de Gondomar manifesta a súa solidariedade con Espazo Lectura, recoñecendo expresamente o seu labor, referente polo país adiante do fomento da lectura e da importancia no vínculo de conexión entre os libros -coñecemento e sentimentos- e as persoas empezando dende as idades máis temperás.

Segundo.- Manifestar o noso rexeitamento máis firme e rotundo das medidas unilaterais adoptadas polo Sr.Alcalde e a concelleira responsable que desfan unha xeira de condicións para desenrolar o traballo de Espazo Lectura cun mínimo de garantías, condicións conseguidas a base de esforzo, tempo e traballo desinteresado.

Terceiro.- O Pleno da Corporación municipal insta ao Sr. Alcalde a que abra unha canle de comunicación real e efectiva entre o Goberno Municipal e Espazo Lectura a fin de, entre outras cuestións, resolver a problemática que impide que se continúen realizando as actividades infantís na Biblioteca Municipal como ata agora.

Cuarto.- Que calquera modificación que se propoña no futuro nos espazos e condicións que afecten ao labor de Espazo Lectura sexan cando menos consultadas e consensuadas coa devandita asociación.

Anuncios