O Club Ciclista Rías Baixas asinou o quinto posto por equipos no Trofeo Iberdrola

FOTO: CLUB CICLISTA RÍAS BAIXAS

O 18º posto de Jesús Nanclares, o 31º de Rodrigo Enríquez e o 33º de Diego González outorgaron ao Club Ciclista Rías Baixas a quinta praza na clasificación por equipos no Trofeo Iberdrola disputado este domingo na provincia de Zamora.

O segundo ascenso a Villacampo marcou o desenlace dos 151 quilómetros de percorrido. Seis corredores marcháronse por diante e pese ao traballo para neutralizalos de varias formacións, entre elas a do Val Miñor, obtiveron unha renda suficiente para xogarse a vitoria. O primeiro en cruzar a liña de meta foi o manchego Pedro Merino (Supermercados Froiz).

A 26 segundos do gañador cruzou a liña de meta Nanclares e sete segundos máis tarde Enríquez e González nun grupo dunha decena de ciclistas. A 2:01 chegou Diego Tirilonte (51º), a 10:12 Lois Rodríguez (98º), a 14:06 Raúl González (120º) e a 14:34 Daniel Rodríguez (124º).

Vinteséis escuadras Elite e Sub23 participaron na 70ª edición desta clásica do calendario Elite e Sub23. O Club Ciclista Rías Baixas terminou na quinta posición da táboa por equipos a 51″ da vencedora Escribano Sport Team.

Trofeo Concello de Zamora

O Trofeo Concello de Zamora resolveuse na tarde do sábado como é habitual ao sprint, unha chegada masiva que o Club Ciclista Rías Baixas tentou evitar. Os representantes da formación miñorana mostráronse moi activos nos 90 quilómetros de percorrido, pero a súa combatividade atopou a firme resposta do pelotón. Lois Rodríguez, décimo oitavo na capital zamorana, foi o mellor clasificado da entidade presidida por José Luis Chamorro.

Os pupilos de Marcos Serrano. que presentou unha aliñación formada integramente por corredores sub23, pasaron ao ataque desde o banderazo inicial. Lois Rodríguez participou nunha escapada de nove unidades que foi abortada antes do quilómetro 30. Posteriormente, Raúl González formou parte dun cuarteto que probou sorte a 20 kms para a chegada e que o gran grupo absorveu antes de pasar pola pancarta dos últimos 10.

Óscar Pelegrí (Caja Rural) impuxo a súa punta de velocidade no desenlace ao sprint. O pelotón entrou cortado debido a unha caída con Lois Rodríguez entre os 20 primeiros. O resto de corredores do Club Ciclista Rías Baixas clasificados foron: Borja Alfaraz (26º), Jaime Guzmán (33º), Daniel Rodríguez (86º), Yago López (102º) e Raúl González (102º).