León Benavente, Carolina Durante, Bala e Anabel Lee protagonizan o xoves do Barbeira Season Fest de Baiona

Este mércores púxose en marcha o Barbeira Season Fest, o festival que se celebra en Baiona ata o domingo e que ateigará a vila turística de música e diversos contidos culturais e lúdicos. Para inaugurar o festival, a xeito de presentación sorpresa, o músico e director artístico do Barbeira, Pablo Novoa, rodeouse onte de amigos para facer dun dos balcóns do hotel do festival, o “Hotel pop-up Season-Zentolo” (Hotel Bayona), un escenario. As cantantes Uxía e Wöyza e o músico Amaro Ferreiro, interpretaron xunto a Novoa temas escollidos “con moito cariño para un momento tan especial”.

Deste xeito, as persoas que se deron cita na rúa do hotel, desfrutaron dun concerto exclusivo, íntimo e de balde que, por sorpresa, rematou cos músicos baixando á rúa para seguir tocando e cantando mentres facían o percorrido ata entrada do recinto do festival, o Parque da Palma, con todo o público detrás. O director artístico do festival, Pablo Novoa, comentou que “esta foi a proba de que o mellor e máis grande escenario do Barbeira Season Fest é a propia Baiona”.

Xoves: os primeiros grandes concertos

Este xoves, o Barbeira Season Fest celebrarase integramente no seu recinto principal, o céntrico Parque da Palma, cos primeiros grandes concertos como protagonistas. Ao escenario Vibra Mahou do festival, subiranse, a partir das 19:30 horas, e por esta orde, Bala, Anabel Lee, León Benavente e Carolina Durante. Ademais, ás 20:00 horas, no stand da Librería Atlántica, Abraham Boba, vocalista de León Benavente, asina o seu libro “Esto no es una canción”.

Venda de entradas

As entradas pódense comprar na súa web tanto por día como o abono para gozar da “experiencia Barbeira” na súa totalidade. Tamén están á venda na taquilla situada na entrada do recinto. Todas as persoas usuarias do Carné Xove poderán comprar as entradas ao Barbeira Season Fest cun 15% de desconto. O Barbeira Season Fest conta co patrocinio da Xunta de Galicia, no marco do Xacobeo 21-22, e a colaboración da Concellería de Cultura do Concello de Baiona e Vibra Mahou.