Tres ciclistas e un peón feridos tras ser atropelados por un coche en Vincios

FOTO: VIGOE.ES

Tres ciclistas e un peón, todos eles de entre 16 e 22 anos, resultaron feridos este domingo pola tarde en Gondomar tras ser atropelados por un coche no que viaxaba un matrimonio duns 70 anos.

O suceso produciuse ás 16:58 horas na estrada PO-331 á altura de Vincios. De momento descoñécese se o coche, un Peugeot 206, achegouse demasiado á beiravía, ou os mozos á estrada.

Os tres novos que ían en bicicleta resultaron feridos leves, con algunha contusión, mentres que o peón atópase máis grave -estaba en estado de shock cando chegou a Policía-.

Ata o lugar desprazáronse varias ambulancias do servizo de emerxencias do 061, que trasladaron aos mozos ao Hospital Álvaro Cunqueiro (HAC) de Vigo.

Ao lugar do accidente tamén acudiu a Policía Local de Gondomar, a Garda Civil de Tráfico e o GES de Val Miñor.

O suceso prodúcese xusto un ano despois do grave accidente rexistrado na Guarda no que faleceron dúas persoas.