Nigrán pecha o Mes da Memoria coa presentación do libro “Os anos do silencio”

O Concello de Nigrán pecha este mércores 26 de outubro ás 20:00 horas no Auditorio Municipal a súa programación especial polo Mes da Memoria Histórica coa presentación do libro “Os anos do silencio. Represión e resistencia na provincia de Pontevedra (‪1936-1951‬)”, coa presenza do seu autor, Xosé Álvarez Castro, para poder establecer un coloquio posterior. O acto está organizado xunto ao Instituto de Estudos Miñoráns.

Con este traballo o autor completa a investigación de “Pontevedra nos anos do medo. Golpe militar e represión (‪1936-1939‬)”, publicado tamén por Xerais en 2013. Nesta nova obra, amplía o territorio estudado a toda a provincia e o espazo temporal ata principios da década de 1950. O libro analiza as características e modulacións que adoptaron a represión e a resistencia no chamado “primeiro franquismo”. A represión empregada contra a oposición política, a represión económica, a sufrida polas mulleres e a efectuada contra a masonería teñen un tratamento especial. Por outro lado, afóndase nas formas, composición e actuacións da resistencia contra o Réxime, tanto a través das organizacións políticas clandestinas como dos distintos grupos da guerrilla, así como as estratexias empregadas polas autoridades franquistas para combatelas. Adoptando un tratamento crítico e rigoroso das variadas fontes documentais que o autor emprega, o libro presenta un enfoque didáctico e divulgativo.

Mes da Memoria

O Mes da Memoria celébrase en Nigrán cada mes de outubro en homenaxe á “Volta dos 9” . O suceso tivo lugar o 15 de outubro de 1936, cando se executaron a nove veciños do Val Miñor (cinco deles de Panxón) como vinganza e represión dos falanxistas polo suceso do día anterior en Sabarís, cando no asalto das forzas nacionais á casa dos irmáns republicanos “Os Ineses” morreron estes, a súa asistenta Dolores Samuelle e tamén un dos falanxistas. Horas despois os partidarios do golpe de estado colleron a nove veciños de todo o Val Miñor detidos na prisión do Frontón, en Vigo, e como vinganza, os fusilaron na curva de A Bombardeira, en Baiona. Durante máis de 40 anos nove cruces apareceron pintadas nese punto como recordo dos falecidos e, aínda que as borraban e buscaron con esmero aos autores, estas sempre volveron a ser debuxadas. Hoxe o lugar é un espazo para a memoria e as cruces se manteñen, agora impresas, como recordo de todo aquilo que sucedeu.