Anuncios
Ticker de novas

Piden que o doutor Pousa sexa nomeado Fillo Adoptivo de Baiona

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ

Un grupo de veciños de Baiona presentaron por Rexistro no Concello unha petición na que solicitan nomear ao Doutor Lorenzo Pousa Estévez Fillo Adoptivo da vila, así como que o Centro de Saúde dos Tendais leve o seu nome.

Os veciños asinantes queren corresponder así á súa “exemplar dedicación humana e vocacional” tras ter coñecemento do seu cesamento como director do Centro de Saúde de Baiona por enfermidade.

Lorenzo Pousa Estévez foi, durante os seus 31 anos de exercicio médico en Baiona, “un garante da nosa saúde, moito máis alá das estritas obrigacións profesionais”, sinalan.

Así mesmo, lembran que o histórico logro do Centro de Saúde de Baiona, construído nos Tendais e inaugurado en maio de 2005, “débese ás súas constantes e razoadas demandas”.

“Ao longo destes anos, o doutor Pousa puxo singular empeño en cohesionar, alentar e liderar un modélico equipo multidisciplinar de profesionais que, a pesar das limitacións orzamentarias, brinda unha atención que enaltece a sanidade pública e prestixia os servizos da nosa vila turística”.

Tamén destacan que “a bonhomía e desprendemento do doutor Pousa tivo sinalado xesto de amor a Baiona cando doou ao Centro de Saúde un moderno equipo de ecografía que veu cubrir un servizo primordial do que careciamos e que obrigaba aos pacientes para desprazarse a Vigo para realizar estas probas tan esenciais para o máis certeiro e precoz diagnóstico”.

Finalmente, afirman que o doutor Pousa, pola súa calidade humana, permanente boa disposición, cordial trato e prestixio científico, é tido por benemérito referente social en todos os ámbitos da sociedade baionesa.

Anuncios