A baionesa Mila López imponse na XXI Paracycling Bira European Cup

Esta fin de semana tivo lugar a XXI Paracycling Bira, a proba con maior antigüidade dentro do calendario internacional, e organizada pola Fundación Saiatu. Este ano volveu a celebrarse, tras dous anos de ausencia, como proba puntuable na Copa de Europa. A segunda que se celebra no noso país despois da Estremadura Paracycling Cup celebrada en marzo. 91 ciclistas de 8 países e 8 comunidades autónomas disputaron as probas de crono e ruta que tiveron lugar en Artxanda, Etxebarri e Elorrio.

A baionesa Mila López participaba xunto co resto de compañeiros do Club Ciclista Riazor co recente apoio de Deporte Galego, Abanca e Galicia Saudable, conseguindo uns bos resultados para o Club nas diferentes xornadas da proba. Na súa categoría WH4 Mila impoñíase nas probas de CRI e ruta, conseguindo o primeiro posto na xeral da mesma forma que o fixese en Estremadura.

O resto do C.C. Riazor lograrían un terceiro posto en MH5 de man de Iván Montero, Luis Árcega tamén bronce en MC3 e Juan Permuy un cuarto posto en MH2.