Anuncios
Ticker de novas

Baiona xa prepara a Festa da Arribada co Mercado Medieval máis grande da súa historia

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ

O Concello de Baiona deu este venres o pistoletazo de saída a XXII Festa da Arribada que dende o 3 ao 5 de marzo trasladará un ano máis a Real Vila ata finais do século XV, cando a carabela “La Pinta” amarraba no porto baionés e anunciaba o Descubrimento do Novo Mundo.

O alcalde, Ángel Rodal, presidiu os actos de presentación da nova edición da Festa de Interese Turístico Internacional na Casa-Museo da Navegación, e agradeceu os esforzos dos habitantes da Vila, así como das asociacións, colectivos, traballadores municipais e Corporación para organizar un evento que “invita a soñar” e “esperta a ilusión” de todos os baioneses.

A concelleira de Cultura e 1ª Tenente de Alcalde, María Iglesias, foi a encargada de conducir un acto que abriuse co vídeo oficial e pechouse cunha representación teatral no novo parque infantil temático instalado nos xardíns do museo.

“O Concello de Baiona e os seus veciños e moradores son os verdadeiros protagonistas da nosa festa máis internacional, xa que transforman a Real Vila nun burgo medieval coa algarabía de mercadores e comerciantes, de artesáns, de trobadores e xograres, unha infinidade de actividades lúdicas e recreativas, que nos transportan ao medievo e nos farán sentir protagonistas dun dos capítulos históricos máis gloriosos de Baiona”, destacou María Iglesias.

Récord de postos

Na nova edición da Arribada, o Real Mercado bate todos os récords ata o de agora, posto que serán desta vez un total de 206 postos os que terán cabida nas rúas do Casco Vello (88 de artesanía, 30 anticuarios, 37 asociacións e 51 negocios), o que supón un aumento do 20 por cento respecto ao ano anterior.

Unha das claves para o crecemento da festa, pese ás limitacións do espazo, está na súa ampliación extramuros. Así, o Mercado Medieval amplíase ao longo do ensanche baionés para ocupar a rúa Marqués de Quintanar e unir toda a liña que vai dende Carabela La Pinta ata a zona do Bo Xantar (arredores de Santa Liberata). Esta nova rúa estará dedicada aos anticuarios e as súas pezas de antigüidade.

Vaso oficial e sentido único peonil

A gran novidade nesta edición será o deseño dun sentido único de circulación para os peóns nas principais rúas do Casco Histórico. A medida, aprobada a proposta da Asociación de Comerciantes e Empresarios de Baiona (Aceba), ten como obxectivo facer máis fluído o tránsito no casco vello e facilitar a mobilidade.

Ademais, tamén este ano estréase o vaso oficial da Arribada. Trátase dun envase de cartón co logo da festa que permite eliminar definitivamente das rúas os vasos de cristal e barro que complicaban máis a recollida do lixo.

Antes da presentación do vídeo no auditorio do Museo da Navegación, o alcalde e os concelleiros asistiron á inauguración do novo parque temático infantil sobre A Arribada que xa está aberto nos xardíns da Casa Museo.

Durante a súa intervención ante o público, o presidente da Asociación de Comerciantes e Empresarios de Baiona (Aceba), Marcos Comesaña, destacou o traballo de todos os colectivos implicados na organización. “A festa require un esforzo durante todo o ano, posto que no momento en que acaba unha edición xa comezamos a preparar a seguinte”, sinalou.

Pola súa banda, Anxo Rodríguez Lemos, da Asociación Pro Hermanamientos Cristóbal García Sarmiento, destacou a exposición sobre o oficio da carpintería de Ribeira que estará aberta ao público na Casa do Concello.

Representación

Para finalizar, nos xardíns do museo e para inaugurar o novo parque infantil, o grupo de teatro Maxín, da Aula de Teatro Infantil de Baiona, representou a peza “A Festa da Arribada” e acto seguido degustáronse os doces típicos da celebración, “Os Ñoclos de Pinzón” e “As Tartas de Sarmiento”.

Anuncios