Anuncios
Ticker de novas

A Deputación destina 245.000 € para axudas a actividades culturais do Ano do Patrimonio 2017

FOTO: DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA

A Xunta do Goberno provincial aprobará mañá a liña de axudas para entidades sen ánimo de lucro para promover, fomentar e difundir actividades culturais do Ano do Patrimonio 2017. Esta liña estará dotada cunha partida orzamentaria de 245.000 euros e o prazo de solicitude pecharase o 31 de marzo.

Todas as actividades obxecto de subvención deben ser realizadas entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro do presente exercicio. A nivel xenérico serán prioritarias aquelas accións que se orienten a mellorar a calidade de todas as manifestacións culturais e, en especial, as dirixidas á reivindicación e difusión do patrimonio material e inmaterial da provincia de Pontevedra, e que contribúan á difusión, mantemento e recuperación da nosa cultura e tradicións.

A propia convocatoria especifica ademais seis tipoloxías concretas de actividades subvencionables: xornadas e eventos relacionados coa memoria histórica; actividades relacionadas co patrimonio histórico-artístico, arqueolóxico e natural; actividades para a posta en valor do patrimonio inmaterial propios de vilas e/ou comarcas da provincia, tales como costumes, tradicións, etnografía, crenzas e mitos; festivais, mostras, encontros e certames culturais; certames e actividades de posta en valor da pintura, escultura, arquitectura e banda deseñada; e intercambios culturais para potenciar o patrimonio musical.

Desta liña de axudas quedan expresamente excluídas as actividades que se realizan ao longo de todo o ano, xa que deben ser actividades concretas, para as que se deberán que indicar lugar e data de realización. Tamén quedan excluídas as actividades subvencionadas noutras convocatorias ou plans provinciais; os gastos de funcionamento e os gastos correntes das entidades; as viaxes de lecer, festas gastronómicas e festas populares; e os gastos gastronómicos agás cando garden relación directa coa actividade e sexan necesarios para o seu desenvolvemento.

A concesión destas subvencións realizarase en réxime de concorrencia competitiva, segundo catro criterios recollidos nas bases. O primeiro é a difusión da actividade atendendo ao ámbito local, provincial, nacional ou internacional, que terá unha valoración de ata 20 puntos; séguelle o orzamento total da actividade, para o que se contemplan ata 40 puntos; a porcentaxe solicitada, con ata 15 puntos; e por último a adecuación da actividade ao interese provincia, con ata 25 puntos. Ademais, as bases esixen que se acredite a debida difusión da actividade realizada cando menos en lingua galego mediante soportes publicitarios, físicos ou telemáticos.

O prazo para a presentación de solicitudes comezará a partires do día seguinte ao da publicación do extracto da convocatoria do BOPPO e rematará o 31 de marzo, e poderán entregarse no rexistro xeral da Deputación.

Anuncios