CABE pide que se destinen un mínimo de 75.000 € do Plan Concellos ao mantemento dos colexios

O Acordo Marco entre a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) para o desenvolvemento do pacto local en materia de educación en relación cos centros públicos, asinado en Santiago de Compostela, a 9 de xaneiro de 2008, na sede da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, establece na Cláusula Terceira “No que atinxe ás obras de reparación, conservación e mantemento estas son responsabilidade de cada concello que as debe realizar nos centros de ensino que del dependan”.

A totalidade dos centros escolares de Primaria e Infantil do Concello de Gondomar remiten todos os cursos escolares as súas necesidades e carencias ao goberno municipal para que as atenda no ámbito das súas competencias. Moitas destas necesidades quedan sen ser atendidas, entre outras cousas por falla de orzamento municipal ou por ser outras as prioridades que se fixa o goberno municipal.

No BOPPO da Deputación de Pontevedra, venres, 30 de decembro de 2016, nº 249, publícase a “Aprobación das bases reguladoras e convocatoria do Plan Obras e Servizos (Plan Concellos) 2017”.

A finalidade dos investimentos que se realizarán co financiamento previsto neste Plan é tripla: en primeiro lugar, a realización de novos investimentos que garantan o funcionamento dos servizos municipais e a reactivación económica, en segundo lugar, o cofinanciamento dos gastos correntes municipais e en terceiro lugar, o fomento do emprego.

Os investimentos que se van financiar con este Plan serán as obras e as subministracións de competencias municipal establecidas nos artigos 25 e 26 da Lei 7/1985, de 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, de forma que o Plan Concellos se cingue á cooperación cos concellos no exercicio das competencias propias legalmente establecidas.

A devandita Lei 7/1985 establece no seu artigo 25 apartado 2: “O Concello exercerá en todo caso como competencias propias, nos termos da lexislación do estado e das Comunidades Autónomas, nas seguintes materias:

Letra f) A conservación, mantemento e vixilancia dos edificios destinados a centros públicos de educación infantil, educación primaria ou de educación especial”.

Dentro deste Plan de Obras e Servizos da Deputación Provincial ao Concello de Gondomar se destinan neste ano 2017 a cantidade de 940.746,04€. Desta destinarase unha porcentaxe máxima do 22,50% á liña 3 de fomento do emprego, o 15% á liña 2 de Amortización, pagamento de débedas e gastos correntes, e un mínimo do 62,50% á liña 1 de Investimentos.

O Grupo Municipal de Gondomar Concello Aberto presentará una Moción no próximo Pleno Ordinario, a celebrar este xoves 2 de febreiro coa seguinte proposta de Acordo:

A Administración Local de Gondomar destinará, a conta do Plan Concellos 2017, un mínimo de 75.000€ para o mantemento e conservación dos Colexios de Infantil e Primaria Públicos do termo municipal. Esta cantidade será independente da destinada a este fin no orzamento municipal.

A prioridade das necesidades a satisfacer en mantemento e conservación dos centros serán consensuadas entre a Comunidade Educativa e o Goberno Municipal.

Be the first to comment

Leave a Reply

Tu dirección de correo no será publicada.




Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.