Sin categoría

74 equipos inscritos no 57 Rallye Racalvi Rías Baixas

Finalmente, un total de 74 equipos formalizaron a súa inscrición na 57ª edición do Rallye Recalvi Rías Baixas. Entre os habituais do certame ninguén quere perderse a cita viguesa do Supercampionato de España que chega máis candente que nunca. José Antonio “Cohete” Suárez, co Skoda Fabia do equipo Recalvi, encabeza a clasificación provisional tras o Rallye de Ourense, aínda que a diferenza é de apenas dous puntos con respecto ao seu paisano Alejandro Cachón; aos mandos do Toyota GR Yaris do equipo MSi. Diego Ruiloba, terceiro clasificado co Citroën C3 Rally2, buscará tamén nos tramos do sur da provincia de Pontevedra volver engancharse á pelexa polo título. Estes tres equipos foron os grandes protagonistas no arranque da tempada do S-CER e espérase que o altísimo ritmo que impuxeron nos primeiros rallyes, teña continuidade no Recalvi Rías Baixas.

A eles uniranse escudeiros de luxo como Javier Pardo, que repite aquí coa segunda unidade do Skoda Fabia do Recalvi Team, ou o coruñés Dani Berdomás, que estreará en Vigo unha nova unidade do Toyota GR Yaris Rally2. Non hai que esquecerse tampouco dos equipos Hyundai, co galego Iván Ares á cabeza, Óscar Palomo ou Sergi Pérez; nin tampouco a outsiders como o madrileño José Luis Peláez, e os galegos Álvaro Muñiz ou Manuel Fernández (gañador do Rías en 2018), todos eles aos mandos de distintas evolucións do Skoda Fabia.

A lista na parte de equipos destacados complétase coa presenza de Jorge Cagiao, para completar o despregamento do equipo Recalvi aos mandos do seu habitual Alpine A110 R-GT ou do equipo dezano encabezado por Javier Ramos Troitiño (Peugeot 208 T16 R5).

Como xa é coñecido, esta edición do Rallye Recalvi Rías Baixas contará coa presenza de todas as copas promocionais que puntúan nos campionatos de España de Rallyes: Toyota Gazoo Racing Iberian Cup, Clio Trophy Spain, Sandero Eco Cup, Hyundai i20N Rallye, Peugeot Rallycup Ibérica, Desafío Peugeot e BK RTS Júnior.

En total completan os 64 equipos dentro da clasificación do Supercampionato aos que haberá que sumar os 10 equipos locais inscritos dentro do apartado autonómico. Aquí volven destacar nomes de xente da casa como Jorge Pérez, aos mandos dun Porsche 911 GT3; Pablo Pazó, que repite co seu Talbot Sunbeam da categoría de históricos; ou o retorno, tras un tempo ausente, do sempre espectacular José Calvar quen aos mandos dun modesto Seat Marbella fixo as delicias do público nas últimas tempadas.

O 2 de xullo, Test day en Ponteareas

Os motores comezarán a ruxir xa o vindeiro martes 2 de xullo, coa celebración dun test day: un tramo de probas, distinto ao shakedown do venres 5, para que os equipos que así o fixeron constar, poidan utilizalo para realizar os últimos axustes ás súas monturas antes da celebración do rallye. O tramo test terá lugar no Monte da Picaraña, na localidade de Ponteareas, de 9:00 a 13:00 e de 15:00 a 19:00 horas. Neste caso serán 14 os equipos que tomarán parte nesta xornada; destacando a presenza da estrutura Toyota, coa presenza de Alejandro Cachón e Dani Berdomás.