Este domingo celebrouse o tradicional curro de Morgadáns, que se desenvolve no chamado lugar das Fechaduras na ladeira do Monte Aloia, na vertente orientada cara ao Val Miñor. Trátase do primeiro dos curros que se desenvolven en Gondomar, e nesta edición, con moita xente a pesar de ser un día no que fixo presencia a choiva, “baixáronse” preto de 300 exemplares -200 “burras” e 70 poldros.
As tarefas comezan cando os gandeiros xuntan aos equinos na parte alta do monte, para logo baixalos ao recinto. Tras a celebración da comida campestre, pola tarde, as burras entraron no “curro”, onde os “aloitadores” foron os encargados de separalos para desparasitalos, marcalos, colocarlles o chip e cortarlles as crins, e posteriormente, volver deixalos en liberdade.
Esta festa, tan antiga como Galicia e coñecida como a “rapa das bestas”, repítese cada ano na primavera e verán, sendo un dos espectáculos máis xenuínos dos que se pode gozar en terras galegas. O vindeiro domingo día 23 de xuño, será a quenda do curro de San Cibrán, en Donas.

