Sin categoría

Nigrán ofrece un paseo en bicicleta aos maiores con enfermidades neurodexenerativas

O Concello de Nigrán e a ONG Discamino volveron aliarse para ofrecer, por terceira vez, un paseo en bicicleta adaptada a 8 maiores usuarios do centro municipal de atención a persoas con enfermidades neurodexenerativas, en Panxón. O roteiro transcorreu desde o paseo marítimo de Panxón a Praia América, regresando por Estrada pola Vía, e a xornada finalizou cunha merenda no propio centro municipal, situado nas instalacións do CEE de Panxón. Os voluntarios de Discamino e os traballadores deste centro foron os encargados de pedalear xunto a eles.

“Estes paseos outórganlles unha gran sensación de liberdade e de saúde física e mental, porque grazas á bicicleta reviven recordos agradables da súa infancia ou xuventude”, explica María Mayán, edil de Maiores. “Esta imaxe é a esencia do que significa ‘Un Nigrán para todos’ e do que buscamos para o noso municipio”, resume o rexedor, quen agradece o traballo altruísta de Discamino.

O Concello de Nigrán dispón dunha bicicleta adaptada con cadeira de rodas, outra igual pero con motor eléctrico, unha cadeira todoterreo monorroda tipo Joëlette, dous triciclos tándem tipo co-pilot e unha bicicleta adaptada, as cinco con base no Pavillón Municipal de Panxón e empregadas con asiduidade por usuarios do CEE Juan María ou por quen as solicite, como é o caso.